Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Parellas de feito e Bodas Civís



TRÁMITES E DOCUMENTACIÓN PARA A CELEBRACIÓN DE VODAS CIVÍS

Que é?

É o acto polo que dúas persoas se casan civilmente ante a autoridade competente.

Quen pode oficiar a cerimonia?
-O/a xuíz/a encargado/a do Rexistro Civil.
-O/a xuíz/a de paz ou o/a alcalde/esa (ou concelleiro/a en quen delegue) do municipio onde se celebre o matrimonio.

Onde se pode celebrar?
1. No Rexistro Civil onde se tramita o expediente ou ben, a petición dos interesados, o Rexistro Civil, xulgado de paz ou concello de calquera municipio.
2. No momento de encher a solicitude de matrimonio indicarase o lugar de celebración da voda (Rexistro Civil ou concello, e municipio), para que conste no expediente previo.
3. Hai que tramitar previamente o correspondente expediente matrimonial no Rexistro Civil do domicilio de calquera dos contraentes, que autorice a celebración da voda. Unha vez resolto o expediente, os contraentes deberán dirixirse ao encargado/a do Rexistro Civil, xuíz/a de paz ou alcalde/esa da poboación onde desexen celebrar o matrimonio, para entregar a documentación e concertar a data da voda.
4. O lugar físico de celebración da voda debe ser sempre as oficinas ou dependencias do Rexistro Civil, ou ben as instalacións municipais destinadas a tal fin cando a voda a oficie o/a alcalde/esa ou un/a concelleiro. En caso de que se celebre no Concello de Cambre, o lugar de celebración será o Salón de Plenos da Casa Consistorial.
5. En ningún caso se poden celebrar vodas noutros lugares como restaurantes, terreos ou casas particulares.

Que documentación é necesario presentar?
-Fotocopia do DNI dos contraentes, ou no seu defecto do pasaporte ou tarxeta de residencia.
-Fotocopia do DNI das persoas que vaian exercer como testemuñas.
-Certificado literal da inscrición de nacemento dos contraentes, expedido polo Rexistro Civil do lugar de nacemento.
-Certificado de empadroamento ou residencia, que se obtén no Concello correspondente ao municipio onde se residise durante os dous últimos anos (caduca aos tres meses)
-Declaración xurada respecto ao estado civil dos contraentes que facilita o xulgado.
-Encher a instancia de Rexistro Civil. Unha soa para os dous contraentes.

Se algún dos contraentes fose viúvo, divorciado ou estranxeiro?
Nese caso, habería á parte da documentación anterior, habería que presentar a maiores:

Viúvos:
-Certificación literal de Inscrición de Matrimonio do matrimonio civil anterior. Certificado de Defunción do cónxuxe anterior.
Divorciados:
-Certificado literal do matrimonio anterior, con inscrición marxinal de divorcio.
-En caso de que esta nota non fose practicada, deberá presentarse testemuño da Sentenza, con Declaración de Firmeza, que expedirá o Xulgado no que se tramitou este.
-No caso de españois divorciados no estranxeiro a sentenza de divorcio necesita o Exequátur desta (validación efectuada pola Sala 1ª do Tribunal Supremo).

Estranxeiros:
-Cando un reside no estranxeiro, no consulado do país onde resida terá que pedir unha declaración de soltería e de nacionalidade española.
-Se ambos os dous contraentes son estranxeiros, segundo o artigo 50 do Código Civil poderán celebrar o matrimonio en España segundo a nosa lexislación ou cumprindo o establecido pola lei persoal de calquera deles.

Unha vez reunida a documentación anterior, onde hai que presentala?
-Acudir conxuntamente ao Rexistro Civil xunto con outras dúas testemuñas (non ten por que ser as mesmas testemuñas da voda).
-Reservar día e hora no lugar de celebración (Concello ou Xulgado).
-Entregar a documentación necesaria ao xuíz encargado do Rexistro Civil, o cal unha vez recibida a relación de todos os datos relativos a un e outro contraente que deban figurar na inscrición do matrimonio, remitirá a devandita documentación ao Concello.

Canto se tarda en realizar todos os trámites da voda civil?
Todos os trámites do expediente ante o Rexistro Civil duran entre 30 e 50 días.

Pódese elixir a data?
En xeral, no Concello de Cambre celébranse os sábados pola mañá.
Para máis información, poden chamar o 981.613128 (112).

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal