Decidámolo Xuntos Concello de Cambre 2020

Coincidindo coa elaboración dos vindeiros orzamentos municipais para o ano 2021, o Concello de Cambre pon en marcha por 5º ano consecutivo, o Proceso de Participación Pública “Decidámolo Xuntos” co obxectivo de coñecer as demandas e propostas que ten a veciñanza para mellorar o seu benestar e o da súa comunidade.

A intención do goberno municipal é canalizar todas as propostas achegadas pola veciñanza co fin de orientar o mellor xeito posible os investimentos nos orzamentos 2021.

As propostas poderanse realizar ata o día 8 de setembro.

Para achegar propostas, activáronse varias canles de participación:

  1. Leváronse a cabo encontros coas asociacións veciñais de cada parroquia para coñecermos de primeira man as demandas prioritarias da veciñanza. Alí recolleronse as propostas de cara aos vindeiros orzamentos.
  2. Na páxina web decidamoloxuntos.cambre.es habilitouse un formulario que podes encher coas túas achegas e demandas.
  3. Mediante o formulario que o Concello pon a disposición da veciñanza nos rexistros municipais e nos locais sociais do municipio e que unha vez cuberto podes entregalo a través das seguintes canles:
    • Os buzóns que hai habilitados nos centros sociais de cada parroquia
    • En calquera dos tres rexistros municipais
    • Por correo electrónico a decidamoloxuntos@cambre.org
  1. Mediante a APP móbil “Decidámolo Xuntos” (dispoñible para sistemas Android e iOS) para que poidas facer as túas propostas a través do teu teléfono móbil ou tablet.

Todas as propostas presentadas serán posteriormente avaliadas polos equipos técnicos municipais competentes para analizaren a súa viabilidade e validez –isto é, se son propostas de investimento-.

Tras este período de avaliación, terá lugar a fase de votación, entre os días 1  e 11 de outubro. Nesta, poderás votar por aquelas tres propostas que che parezan máis interesantes por orde de prioridade, outorgando 3, 2 e 1 puntos, respectivamente. Aquelas propostas que reciban máis apoios poderán ser incluídas nos orzamentos municipais da anualidade 2021.

Para calquera dúbida, podes contactar mediante correo electrónico ao decidamoloxuntos@cambre.org ou chamando ao 679 499 868.