Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Campaña de prevención “ELIXE O TEU PAPEL”

A campaña de prevención “ELIXE O TEU PAPEL” concienciará sobre a violencia de xénero por medio das artes escénicas

A campaña comezou o pasado luns día 5, e o acto de clausura terá lugar o vindeiro 24 de novembro

Desenvolveranse sesións nos centros educativos do concello, así como animacións de rúa na feira de Cambre os días 18 de outubro e 15 de novembro

Cambre, 6 de outubro de 2015. O pasado luns día 5 de outubro deron comezo as actividades que se desenvolverán ao longo das vindeiras semanas no marco da campaña de prevención, sensibilización e concienciación ELIXE O TEU PAPEL, promovida pola Concellería de Igualdade do Concello de Cambre. Esta campaña ten como principal obxectivo a promoción do bo trato entre as persoas e o compromiso social de tolerancia cero contra a violencia de xénero. Para lograr este fin, empregará as artes escénicas en sesións que se celebrarán nos centros educativos, así como animacións de rúa que terán lugar os días 18 de outubro e 15 de novembro na feira de Cambre. O acto de clausura celebrarase o 24 de novembro.

A campaña ELIXE O TEU PAPEL busca, entre outras cousas, desmitificar os roles sociais atribuídos a ambos sexos, e a idea de que o “amor romántico” é o único amor posible ou desexable. Por medio dunha metodoloxía activa e participativa como é o teatro daranse a coñecer os aspectos que se atopan na base da violencia de xénero, concienciando do alcance que ten este tipo de violencia na nosa sociedade. Por outra banda, identificaranse os indicadores de violencia de xénero na parella e potenciarase a adquisición e transmisión dos valores de igualdade entre a comunidade educativa. Nas actividades participarán tanto profesionais da Educación Social como do mundo das artes escénicas. Estes últimos axudarán ao alumnado a elaborar unha pequena peza teatral baseada nos aspectos que se tratan nas sesións.

Estas mensaxes serán transmitidas á poboación do concello, ademais de por medio das sesións en centros educativos e as animacións de rúa, a través da páxina de Facebook de Igualdade do Concello de Cambre e nas contas de Twitter @ElixeOTeuPAPEL e de Instagram @ElixeOTeuPAPEL. Por outra banda, o correo elixeoteupapel@gmail.com estará activo e a disposición do alumnado, das familias e do profesorado durante o tempo que dure a campaña e ata finais de ano, a xeito de apoio para consultas anónimas ou solicitude de información.

Acto de clausura

O día 24 de novembro terá lugar o acto de clausura da campaña, no que se representarán as pezas creadas polo alumnado e serán premiadas dúas delas. O actor José Leis e a actriz Vanessa Rivas representarán, ademais, unha peza teatral no marco deste acto de clausura. A esta actividade estará convidado o alumnado participante nas sesións en aula e tamén as súas familias, así como o profesorado dos centros.

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal