Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Campaña: “Sen violencia de xénero máis felices”

A CONCELLARÍA DE IGUALDADE, BENESTAR SOCIAL, SANIDADE E EDUCACIÓN DO CONCELLO DE CAMBRE INICIOU A CAMPAÑA “SEN VIOLENCIA DE XÉNERO MÁIS FELICES”, COA QUE PRETENDE SENSIBILIZAR E CONCIENCIAR Á POBACIÓN LOCAL SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO NA SOCIEDADE.

 

Por sexto ano consecutivo, a Concellería de Igualdade, Benestar Social, Sanidade e Educación pon en marcha unha Campaña de Prevención, Sensibilización e Concienciación sobre a Violencia de Xénero na sociedade: “Sen violencia de xénero máis felices”. Nesta ocasión, a mensaxe que se quere achegar á poboación é "DESCONECTA, ESTÁ NA TÚA MAN", mensaxe dirixida ao conxunto da veciñanza do Concello coa que se quere reforzar a idea de que as novas tecnoloxías son unha canle, boa ou mala en función do emprego que fagamos da mesma. 

Así, nesta edición, na que se conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo, empréganse ás novas tecnoloxías como gancho, como base do argumentario da campaña, dado o interese que esperta na mocidade o seu emprego e aplicacións. 

A campaña céntrase na sensibilización e a educación da poboación para romper cos patróns de comportamento e comunicación sexistas,  na crítica á produción e reprodución de modelos de relacións afectivo-sexuais baseados en relacións de dominación e subordinación, e sobre todo, no fomento dos valores da equidade e o respecto, e na comunicación en igualdade.

Ao longo dos meses de outubro e novembro desenvolveranse diversas actuacións coas que se buscará a implicación e sensibilización tanto do alumnado dos centros educativos, coma do conxunto da poboación local:

• Charlas de sensibilización entre o alumnado de 6º de primaria. Realización de charlas de sensibilización fronte a violencia de xénero e a súa relacións coas novas tecnoloxías dirixidas ao alumnado de 6 de Primaria, en colaboración cunha unidade especializada da Garda Civil. Impartirase unha sesión co obxectivo de ofrecer información adaptada sobre violencia de xénero, relacionando a problemática coa responsabilidade individual no emprego das novas tecnoloxías.

• Obradoiros dirixidos ao alumnado de 2º da E.S.O. para a promoción dos valores da igualdade e o bo trato. Ao longo de seis sesións de traballo, favorecerase a construción dunha identidade baseada na igualdade e no respecto. Así mesmo, o alumnado terá a oportunidade de participar no deseño e  elaboración dun xogo de mesa contra a violencia de xénero “Desconecta coa Violencia”. A través do deseño do xogo, que terá un formato de preguntas e respostas, traballarase a socialización nos afectos, a mellora no coñecemento das propias emocións e a resolución pacífica de conflitos. O persoal dos Servizos Sociais Municipais do Concello será o encargado de seleccionar as mellores achegas formuladas polo alumnado para a elaboración do xogo, e recibirán un agasallo relacionado coas novas tecnoloxías.

• Servizo de asesoría. Dado que as novas tecnoloxías teñen un papel fundamental na Campaña deste ano, por medio do emprego de aplicacións de mensaxería populares entre a mocidade, ofrecerase un servizo de asesoría móbil co que se espera resolver as dúbidas que o alumnadopoida ter sobre o emprego seguro das novas tecnoloxías, igualdade, relacións afectivo-sexuais, etc.

• Colocación dun posto informativo da campaña o próximo domingo día 16 de Novembro na Feira de Cambre. Coa colocación do posto na feira buscarase a participación da poboación local por medio dunha actividade de fotografía participativa "EN REDE CONTRA A VIOLENCIA". Pediraseá veciñanza que se retrate nun Photocall e deixe mensaxes en contra da violencia de xénero. Posteriormente estas mensaxes serán difundidas nas redes sociais, buscando así a implicación do conxunto da poboación.

• Gravación dun audiovisual na Feira do día 16 de novembro para a difusión da campaña e a sensibilización da poboación local.

• Campaña de Rifas. En colaboración coa plataforma TI FAS CAMBRE, levarase a cabo unha Campaña de rifas entre o Comercio Local, sorteándose 10 vales de compra por valor de 50€ cada un.
BASES DO SORTEO DE RIFAS.

• Acto de peche da campaña, o mércores día 26 de novembro a partir das 19:00h no Centro Sociocultural do Graxal. No acto, que será conducido e amenizado por Xosé Antonio Touriñán, coñecido humorista e actor, proxectarase o audiovisual e as fotografías realizadas durante a feira coas mensaxes en contra da violencia de xénero, outorgarase o premio ao mellor traballo presentado polo alumnado para a elaboración do xogo de mesa “Desconecta coa Violencia”, e darase a coñecer os números gañadoresdo sorteo das rifas da campaña. 

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal