Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero

Xustificación da súa creación

A Lei orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero do ano 2004 recolle no artigo 32 que os poderes públicos elaborarán plans de colaboración que garantan a ordenación das súas actuacións na prevención, asistencia e persecución dos actos de violencia de xénero, que deberán implicar ás administracións sanitarias, á administración de xustiza, ás forzas e corpos de seguridade, aos servizos sociais e aos organismos de igualdade.
Tamén a disposición adicional segunda da Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero di que:  “O Goberno da Xunta de Galicia impulsará a formalización e actualización de acordos interinstitucionais de coordinación entre as diversas instancias e administracións públicas con competencias na materia obxecto da presente Lei, que sirvan de canle de actuación e colaboración para conseguir, nos ámbitos policial, sanitario, social, xudicial, laboral, educativo e de investigación, unha atención e asistencia integral e coordinada ás mulleres que sofren violencia de xénero.
A Lei Orgánica para a Igualdade entre Mulleres e Homes recolle propostas como a de que os plans de igualdade abren a porta ao cambio social cara un modelo máis igualitario e marca accións positivas e transversais.

A Lei galega 7/2004 para a igualdade entre mulleres e homes recolle nos artigos 32 e 33 a colaboración municipal e autonómica na elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades, e a Mesa é unha medida máis dentro do Plan de igualdade de oportunidades do Concello de Cambre.

Pola súa banda, o ámbito municipal presenta vantaxes importantes para establecer medidas de igualdade. A principal delas e que é a institución máis cércana aos cidadáns e cidadás. É por iso que constitúe un espazo óptimo para coñecer as necesidades e recursos da poboación e, a partir dese coñecemento, elaborar políticas de igualdade efectivas. Ademais, é no ámbito municipal onde con máis facilidade pode favorecerse a participación e colaboración cidadá e das entidades sociais no deseño das medidas, así como a súa posta en práctica e a súa avaliación.

O Concello de Cambre, debido a súa gran poboación e á incidencia elevada da violencia contra as mulleres que desprenden os informes da Garda Civil de Cambre, necesita crear mecanismos de coordinación entre os diferentes axentes sociais tal e como ordena o artigo 32 da Lei 1/2004.

Por iso o Concello de Cambre aprobou a constitución da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero no Pleno da Corporación na súa sesión ordinaria do día vinte e sete de maio de dous mil dez.

Mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero
A finalidade de dita Mesa é a de coordinar as medidas contra a violencia de xénero, coordinar aos diferentes axentes sociais e forzas de seguridade que interveñen nesta problemática no municipio e fiscalizar as medidas postas en marcha. Terá o carácter de órgano consultivo para a posta en marcha de novas actuacións de prevención e tratamento.

A Mesa de Coordinación da Violencia de Xénero está constituída por:


-    O alcalde ou persoa en quen delegue
-    A concelleira de políticas de Igualdade
-    A coordinadora do departamento de Servizos Sociais do Concello de Cambre
-    A xefa do servizo da unidade de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno en Galicia
-    A secretaria da corporación ou persoa en quen delegue
-    O educador social que ten asignadas as funcións de Igualdade no Concello de Cambre
-    Unha traballadora social de Servizos Sociais
-    Unha traballadora social do Sergas
-    O xefe da Policía Local de Cambre
-    O Tenente do posto da Garda Civil de Cambre
-    O axente da Garda Civil encargado dos temas de violencia de xénero
-    O coordinador dos Centros de Saúde de Cambre
-    O xuíz titular do Xulgado de Violencia de Xénero
-    Un/ha representante por cada CEIP de Cambre
-    Un/ha representante por cada IES de Cambre
-    Un/ha representante do EMUME (Equipo muller – menor da Garda Civil)


A Mesa reúnese de forma ordinaria dúas veces o ano: a primeira reunión será dentro do primeiro trimestre do ano e a segunda dentro do cuarto trimestre. Se convocará por escrito acompañando orde do día cun mínimo de 15 días naturais antes da reunión.

A Mesa poderá reunirse as veces que estime oportuno con carácter extraordinario e bastará con convocala cunha antelación de 24 horas por calquera medio escrito: correo urxente, fax, email, ...

É unha Mesa de coordinación e consulta. Poderá elevar propostas de actuación ó goberno municipal.

Asemade, constituíuse a proposta da Mesa de coordinación unha submesa de atención directa ás vítimas da violencia machista que está composta unicamente por unha traballadora social dos servizos sociais municipais, o/a axente responsable de violencia de xénero do posto da Garda Civil de Cambre e o/a axente responsable da violencia de xénero da Policía Local de Cambre, á que poderán incorporarse si así o demandan as persoas antes descritas, profesionais dos centros de saúde ou dos centros de ensino do municipio.

A periodicidade de reunión da submesa de atención directa ás vítimas de violencia machista a marcará calquera dos integrantes da submesa en función das necesidades e urxencias, quedando marcadas as datas de reunións ordinarias anuais o día da constitución da mesa.

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal