Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

Pacto social contra a violencia de xénero

PACTO SOCIAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO CONSORCIO DE AS MARIÑAS

ANTECEDENTES

Dimensión do problema, número de denuncias e ordes de protección ano 2013 (…)

EXPOSICIÓN

A Organización Mundial da Saúde (OMS), no seu Informe Multipaís sobre saúde da muller e violencia doméstica contra a muller do ano 2005, informa que “A violencia exercida contra a muller é un fenómeno universal que persiste en todos os países do mundo. As vítimas de dita violencia coñecen con frecuencia ben aos seus autores. A violencia doméstica, en particular, continúa sendo terriblemente común e é aceptada como “normal” en demasiadas sociedades do mundo”.

A violencia exercida contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos básicos que debe eliminarse mediante a vontade política e  as actuacións xudiciais e civís en todos os sectores da sociedade. Se ben, fai unhas décadas considerábase a violencia contra a muller como un problema social de importancia relativamente menor, actualmente é unha cuestión amplamente recoñecida que dita violencia constitúe un grave problema de dereitos humanos e saúde pública que afecta a todos os sectores da sociedade transcendendo así do ámbito privado ao público.

A violencia contra a muller é unha práctica xeneralizada e profundamente arraigada que ten graves consecuencias para a saúde e o benestar das mulleres. A súa persistencia é moralmente inaceptable; os seus costos son incalculables para as persoas, os sistemas de saúde e para a sociedade en xeral.

Existe unha lexislación de ámbito estatal como a Constitución Española, que no seu artigo 14, prohibe expresamente calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2., formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade das persoas e das agrupacións na que se integra sexan iguais e efectivas.
 
No plano autonómico, o artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de Autonomía de Galicia, establece que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación das persoas galegas na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias asumidas polo Estatuto promulgáronse a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e  homes; a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia e a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Estas tres leis recoñecen o ámbito municipal, como o idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, de prevención e erradicación da violencia de xénero  e para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

MANIFESTACIÓNS

O Consorcio de As Mariñas, coincidindo coa Conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e todas as entidades manifestan a súa adhesión e compromiso a este PACTO SOCIAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. MANIFESTAMOS o seguinte:
    A importancia de fomentar o trato igualitario entre mulleres e homes e transmitilo ás xeracións futuras.
    A nosa condena pública contra a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, xa que constitúe un atentado contra os dereitos fundamentais das mulleres e como tal é socialmente inaceptable.
    A violencia de xénero non pode ser considerada como unha cuestión privada na que non se debe intervir, senón que se trata dun feito social do que todos e todas somos responsables.
    Os sentimentos, percepcións e procesos das mulleres vítimas de violencia de xénero han de ser respectados, debendo fomentar a súa autoestima e valorar as súas decisións e iniciativas, sempre en base aos principios de confidencialidade e intimidade.

COMPROMISOS

COMPROMISOS DOS CONCELLOS

Cada un dos 9 concellos que conforman o Consorcio As Mariñas, comprometámonos a:
1.    Incorporar a perspectiva de xénero nas entidades municipais adheridas ao pacto, en todas as súas concellarías e departamento.
2.    Dar soporte ás entidades e colectivos adheridos proporcionando os materiais e elementos que se elaboren, distintivos do pacto.
3.    Apoiar as iniciativas que xurdan desde o tecido asociativo do territorio en relación á prevención, detección e tratamento da violencia.
4.    Facer seguimento anual do pacto, promovendo a adhesión de colectivos e realizando unha xornada anual de avaliación coa finalidade de facer un seguimento do desenvolvemento e cumprimento do pacto, así como presentar a batería de accións que se desenvolverán ao longo do seguinte ano.

COMPROMISOS DOS CENTROS EDUCATIVOS E AMPAS

1.    Promover proxectos coeducativos nos centros.
2.    Eliminar actitudes sexistas entre o alumnado, e o profesorado e alumnado.
3.    Fomentar a participación das nenas e dos nenos en aqueles xogos e deportes educacional e culturalmente asignados ao xénero contrario.
4.    Previr actitudes violentas que rompan a igualdade entre o alumnado desenvolvendo habilidades alternativas á violencia.
5.    Participar na accións ofertadas polo concello e/ou Consorcio ao longo do curso escolar colaborando nas campañas do 8M e do 25N.

COMPROMISOS DOS CENTROS DE SAÚDE

1.    Que cada vez que haxa unha morte por violencia de xénero todo o persoal do centro de saúde faga un parón duns minutos e se concentren na porta do centro.
2.    Lucir un lazo e/ou crespón negro cando ocorra unha morte por violencia de xénero.
3.    Confidencialidade, discreción, prioridade etc. (…)
 

COMPROMISOS DAS ASOCIACIÓNS
1.    Difundir a información entre os membros da asociación sobre actividades de     sensibilización contra a violencia de xénero cara ás mulleres que se realicen no     territorio consorcio (Manifestacións, accións formativas etc.) participando     activamente no desenvolvemento das mesmas.
2.    Dar a coñecer, entre os membros da asociación colaboradora, os diferentes materiais     elaborados polo Consorcio As Mariñas en materia de prevención de violencia de     xénero e de igualdade entre mulleres e homes.

COMPROMISOS DAS EMPRESAS E DOS SINDICATOS
1.    Participación das empresas e comercios en accións vinculadas coa prevención da     violencia de xénero e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e profesional,     que se deseñen.( Manifestacións, accións formativas, campañas de prevención…
2.    Difundir na entidade colaboradora o material elaborado polo Consorcio das Mariñas     en materia de prevención de violencia de xénero.
3.    Poñer nun lugar visible o distintivo de adhesión ao Pacto Local e calquera outro que     se deseñe para cando houbese vítimas de violencia de xénero a nivel nacional.

ACCIÓNS IMPULSADAS DESDE O CONSORCIO AS MARIÑAS PARA O ANO 2014

A)    Adquisición dun distintivo que conteña o lema do pacto. Trátase dun adhesivo que se exhibirá en portas, vidreiras, escaparates, paneis etc., dos colectivos e concellos adheridos. 
    Responsable: Consorcio As Mariñas
    Prazo: Marzo de 2014
    Orzamento:

B)    Contador de vítimas mortais. Deseño dun icono modelo que funcione a modo de contador de vítimas mortais ocorridas no estado español, que se situará nas páxina web de cada entidade adherida. O contador deberá actualizarse ao longo do ano.
    Responsable: Consorcio As Mariñas
    Prazo: Marzo de 2014
    Orzamento: Sen custo

C)    Dirección electrónica. O consorcio xerará unha conta de correo específica para este pacto, á que deberán dirixirse todas as persoas interesadas no pacto.
    Responsable: Consorcio As Mariñas
    Prazo: Xaneiro de 2014
    Orzamento: Sen custo

D)    Deseño e impresión dunha ficha de datos, que cada entidade interesada deberá cubrir e remitir á dirección electrónica xerada para este pacto.
    Responsable: Consorcio As Mariñas
    Prazo: Xaneiro de 2014
    Orzamento: sen custo

E)    Andaina contra a violencia. Cada ano un dos concellos adheridos organizará a Andaina contra a violencia de xénero, na que participarán a cidadanía de todo o Consorcio As Mariñas. Os concellos facilitarán a participación cidadá e a inscrición no evento, que debe converterse na manifestación do compromiso social con esta causa. A Andaina, acompañarase de animación.
    Responsable: Concellos adheridos
    Prazo: Novembro de 2014
    Orzamento:

F)    Pleno municipal sobre a violencia de xénero. No mes de novembro, cada entidade municipal adherida, celebrará un Pleno no que se dará conta dos datos máis recentes sobre as vítimas de violencia no seu territorio.
    Responsable: Entidades municipais
    Prazo: Novembro de 2014
    Orzamento: Sen custo

G)    Xornada anual de seguimento do pacto. O Consorcio organizará anualmente unha xornada que permita dar conta da evolución e cumprimento do pacto. Presentaranse as accións que se desenvolverán durante o ano seguinte.
    Responsable: Consorcio As Mariñas
    Prazo: Marzo de 2014
    Orzamento:

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal