Boletín de adhesión á campaña:

 

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar a poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Segundo un recente informe da ONU as violencias machistas convertéronse na principal causa de morte das mulleres, de entre 15 e 44 anos, no mundo, e diversos estudos amosan que aproximadamente un 70 % das mulleres experimentaron violencia física e/ou sexual por parte dun compañeiro sentimental durante a súa vida. Só en España, desde o 2003 (ano en que se empezan a recoller cifras oficialmente), ata o 10 de xuño de 2019, foron asasinadas 1000 mulleres. Só nos dous primeiros meses do 2019 foron asasinadas 9 mulleres en España.

Dende a Concellería de Benestar Social do Concello de Cambre consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animamos ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do noso municipio a sumarse á conmemoración do 25 de novembro.

“Cambre en negro”.

Un ano máis comeza a campaña de sensibilización social contra a violencia de xénero “En negro contra as violencias, Cambre en Negro”. En primeiro lugar queríamos agradecer ao comercio, asociacións e veciñanza o voso bo facer nas campañas anteriores. Grazas a vosa implicación conseguimos tinguir de negro o noso municipio e as redes sociais, chegando coa campaña a toda Galicia.

A medida que se achegue a data (25 de novembro) iremos informando sobre as diferentes actividades da campaña e sobre como compartir nas redes as vosas fotos e actividades. Agora toca inscribirse e repartir o material para este ano. Se queredes participar na campaña 2020, basta con encher este formulario web indicándonos que material precisades.

Debido á incidencia do COVID-19 evitaremos actividades comunitarias e traballaremos máis a través das redes sociais. No caso de programar algunha actividade social será sempre respectando as medidas de prevención: distancia social, máscaras e hixiene de mans.

Como novidade, este ano decidimos elaborar máscaras co lema da campaña na vez de camisetas. As máscaras son de neopreno de axuste facial ao 96%, dispoñen de certificado de idoneidade, acadan os 41 lavados cunha fiabilidade do 96% en aerosois e do 94% en partículas. Cremos firmemente na utilidade das máscaras este ano e solicitamos aos participantes doutras edicións que recuperen as camisetas e
as empreguen igualmente durante a campaña.

Prazo de inscrición aberto do 20 de outubro ao 6 de novembro.

Agardamos contar coa túa participación, recibe un cordial saúdo.