A chegada da electricidade e o automóbil, o crecemento económico da I Guerra Mundial, os felices anos 20, a Belle Epoque, as luces da República, a ilusión do primeiro Estatuto de Galicia, os cambios sociais, os avances, os contrastes, a vida nunha vila que foi deborada pola especulación e o progreso mal entendido… todo iso e máis ten cabida en Noutrora, o evento de época que dende o 23 de marzo ao 1 de abril encherá o centro da vila de Cambre de vida e actividade.

Na presentación da programación, o edil de Cultura, Dani Carballada destacou “o extraordinario nivel artístico, tanto de agrupacións de Cambre como de referencias musicais e plásticas de primeirísimo nivel que van encher de vida o centro da vila durante toda a Semana Santa”. O concelleiro de Deporte, Brais Cubeiro sinalou que “o certame de carrilanas vaise poder realizar pola estrada da estación, rematando na propia infraestrutura ferroviaria, o cal vai ser visualmente moito máis atrativo”.

Proxeccións de cinema de época, conferencias sobre aspectos culturais enmarcados no final do século XIX e principios do XX, concurso de biscoitos, cocterlería de entreguerra, xogos tradicionais, baile galego, verbena dos anos 30… e sobretodo a actuación de Amancio Prada poñéndolle voz ao repertorio rosaliano e unha actuación moi especial dos Satélites, con motivo do seu 80 aniversario, son algúns dos pratos fortes de Noutrora.

O venres 23 haberá un espectáculo clown para nenos e nenas da man de Fredi Muiño, o mellor teatro galego, con Pedro Brandariz, Fran Rei e Isa Risco en “Falar sen Cancelas” e ás 21:30 a actuación do gran Amancio Prada poñendo sobre o escenario do Parque da Igrexa o mellor do repertorio rosaliano.

O sábado 24, ruada polo centro da vila, certame de carrilanas, foliada tradicional, pancetada e un espectáculo moi especial, a estrea en Cambre da Garufa Blue Devils Big Band, que chega da man do afamado músico Pedro Lamas. O domingo 26, unha das mellores compañías de teatro infantíl do panorama galego, Elefante Elegante, porá en escea “O rueiro das liortas”, haberá un obradoiro de coctelaría de época, baile galego coa agrupación As Mariñas, cinema mudo co Gordo e o Fraco e a actuación para nenos e maiores da coñecida Teresa Rabal, que se achegará a Cambre cun espectáculo cargado de nostalxia.

O luns 26, o martes 27, e o mércores 28 serán días para rescatar o mellor cinema clásico tanto para nenos (clásicos Disney e Warner ou O libro da Selva) como para adultos (Miss Ledya, O maquinista da Xeral ou un concerto coas mellores bandas sonoras da historia do cine). Ademáis o luns José María Folgar disertará sobre a importancia do cinema a comezos do século XX e o martes o afamado fotógrafo Xurxo Lobato, presentará o seu libro sobre Rosalía. Xosé Manuel Sánchez Rei presentará o seu volume “Cantar na Coruña”, o mércores 28.

O xoves 29 haberá unha viaxe nun bus de época para conmemorar o centenario da Xuventude de Cecebre, pola tarde serán as Merendiñas coa música dos Larpeiros e Aires Novos. O venres 30 Randeira da Rocha poralle música a unha mañá na que terá lugar unha representación que conmemorará que as galegas poideron votar por vez primeira hai 85 anos, recreando como se viviu tan histórico momento en Cambre. Pola noite Os Satélites, posibelmente a mellor orquestra galega, contará coas voces míticas de Sito Sedes e Melchor para celebrar nun concerto estilo verbena das de antes os seus primeiros 80 anos de vida.

Noutrora continúa o sábado 31 con Aires de Sigrás, o mago Ramón García, a música infantíl de Pirilampo, que estreará en Cambre novo disco, a Tuna de Veteranos da Coruña, e o canto polifónico das corais de Cambre, Cecebre e as Voces Veteráns de Culleredo. Contacontos, exposición de coches antigos e concerto de Sementeira poñeranlle o ramo á segunda edición de Noutrora que rematará o domingo 1 de abril.


Documentos: