Cambre, 1 de setembro de 2017. O Paseo Marítimo do Temple acollerá por primeira vez na súa historia o vindeiro venres día 8 de setembro un mercado de productos frescos, textil, agrario ou calzado, semellante ao mercado do campo da feira que ten lugar dous días ao mes.

O mercado terá lugar os segundos venres de cada mes e contará con 82 postos repartidos polas rúas de Paseo Marítimo, praza Manuel Murguía, Párroco M. Cobas e Celso Emilio Ferreiro. Houbo máis de 130 solicitudes e houbo que facer un concurso público para adxudicar os 82 postos que formarán a feria. Durante o verán o horario da actividade comercial será de 16.00 a 21.00 horas, e durante o período invernal será de 9.00 a 14.00 horas. A parroquia do Temple, a máis poboada do municipio e a que conta con maior actividade comercial, demandaba esta feira que esperamos redunde nunha maior dinamización comercial e hostaleira na zona e coma punto de encontro de toda a veciñanza do municipio”, apuntou a concelleira de Desenvolvemento Local, Leonor Fernández..

Pola súa banda, o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, asegurou que o obxectivo é impulsar o tecido comercial e hostaleiro do Temple. Durante o último ano e medio traballouse na posta en marcha desta feira. Creouse unha marca comercial excluisiva para as feiras de Cambre e Temple co fin de que sexan ambas un referente na bisbarra. “A situación xeográfica desta nova feira é perfecta xa que cada día pasean milleiros de persoas de toda a bisbarra pola ría do Brugo como un espazo de lecer excelente. Agora poderán achegarse ata o Temple para mercar productos frescos ou artesanais”, apuntou García Patiño. Agora os esforzos do goberno local centraranse en promocionar as dúas feiras com especial interese nesta nova para lograr os máximos visitantes posibles. É por iso que desde esta semana xa se poden ver a imaxe dunha campaña promocional da nova feira por todo o concello. Banderolas, carteis, lonas e ata mandís que levarán os feirantes coa imaxe da feira.