Cambre,  30 de  xullo de 2018.  O  Concello de Cambre dispoñerá este ano  de seis  randeeiras adaptadas coa reforma dos parques José Luis Caso  Cortines e Manuel Lugrís, obras xa adxudicadas e que finalizarán antes durante o outono.

Nestes momentos os catro randeeiras adaptadas para persoas con mobilidade reducida atópanse nos parques infantís do Paseo Marítimo do Temple, A Barcala, O  Balado (Cambre) e Francisco Rodríguez (Temple). Para poder usar estas randeeiras específicas necesítanse uns cintos de seguridade, imprescindibles para que os pequenos con discapacidade poidan arrolarse sen risco.

Segundo o edil de Servizos Sociais, Juan Evaristo Rodríguez, ante a previsión dos futuros parques adapatados e coa finalidade de asegurar que estes pequenos poidan usar estas randeeiras optouse por crear un sistema préstamo gratuíto, obviamente, para as familias que o necesiten co fin de que os pequenos poidan gozar destes xogos de abalo.

As ancoraxes e cintos estarán nas dependencias de Servizos Sociais e a Asociación de Persoas con Discapacidade e Familiares (Arela) e poderano solicitar aquelas familias que teñan ao seu cargo a algún menor con problemas de mobilidade reducida. Mesmo se prestarán durante semanas ou meses, de ser o caso, con posibilidade de renovación, aos menores de Cambre que o necesiten para que non teñan que desembolsar o custo destes arneses.

O  Concello conta xa con seis cintos deste tipo e terá dous máis antes de que finalice o ano. Segundo os técnicos municipais, non se poden deixar nas randeeiras debido a que só están ancorados por un sistema de axuste que ademais debe permitir que se cambie de posición segundo a estatura e peso do menor. Noutros  concellos subtraéronse aos poucos días de deixalos no parque.