Cambre,  2 de agosto de 2018.  Un ano máis o son do rock and roll na súas diferentes variantes encherán o Campo da Feira cambrés. O Rock in Cambre alcanza a súa 27 edición cun cartel moi completo que se reparte en dúas xornadas máis unha. Logo de escoitar a 14 conxuntos durante dous días, unha sesión  vermú porá o punto e final facendo ascender a lista a 15 grupos. Serán tres xeiras de sons que permitirán ao público gozar de distintos estilos que van dende o punk-rock ao rock and roll máis clásico, pasando polo blues ou o thrash metal. Ademais dos directos, nesta edición hai tamén zona de durmida, obradoiros para nenos e espazos de concienciación social.

Formacións con solera como Heredeiros da Crus compartirán público e taboas neste Rock in Cambre con grupos que dan os seus primeiros pasos na música. Bandas como a de Marky Ramone, Radio Océano ou Siniestro Total darán conta de que o rock non so non ten idade, senon que é eterno. Un tipo de música que atrae ao público dende hai anos e que ten presente e futuro. Así músicos con décadas de experiencia ás costas comparten espazo con noveis á procura da súa oportunidade de deixar pegada na historia do rock and roll. O cartel do Rock in Cambre deste ano amosa, por se alguén tiña algunha dúbida, que este estilo musical non ten data de caducidade e as bandas que o tocan, tampouco.

Abrirán o Rock in Cambre ás 20:15 horas do venres 3 de agosto The North Grooves, unha banda de Cambre que opta polo rock clásico, o soul e o blues. Ás 21:00 horas está previsto que os releven no escenario Os Destemplados que, como o seu nome apunta, son do Temple. A terna de teloneiros locais a pecha o venres Sin City Devils co seu punk & roll.

Radio Océano, con Johnny Rotring, á cabeza a bo seguro tocará clásicos que os fixeron triunfar nos oitenta, por exemplo: ‘Como o vento’. Iso será a partir das 22:30 horas. Xusto despois, contra ás 23:30, será a quenda de Siniestro Total e Julián Hernández, outra das bandas que levan desde finais do século pasado dándoo todo nos directos e que contan con un bo número de incondicionais.

Marky Ramone porá o punto internacional á xornada do venres. O tempo para escoitar a este membro dos Ramones, clásico entre os clásicos do rock, será a partir das 00:45 horas. Se cadra soan temas como ‘Sheena Is A Punk Rocker’, ‘I Wanna Be Sedated’ ou ‘Pet Sematary’.

Pechan o programa do festival o sábado a partir das 2:00 horas os galegos Herdeiros da Crus que, unha vez máis, aspirarán a ‘faser gosar’ aos asistentes. Desde que sacaran aló polo 1994 o seu primeiro traballo, ‘A cuadrilla de Pepa a loba’, estes rockeiros do barbanza non pararon de colleitar éxitos. Seguramente haberá tempo para temas como ‘De jalisia o extranxeiro’, ou para outros más novos que se poden atopar en ‘Jard rock con fe’.

Pai e fillo daranse paso en escea

O sábado 4 de agosto o Rock in Cambre retomará a actividade musical ás 19:45 da man de Ronin, unha formación que se encadra no hard rock. Os Wetsocks tocarán desde as 20:30 e os Coyote porán en escea o seu blues e rock and roll máis clásico a partir das 21:45.

A casualidade fará que un fillo dea paso a un pai nesta ocasión, xa que o baixista de Coyote é o pai de Martín, batería dos Wetsocks. Será a segunda vez de Martin no Rock in Cambre. O pasado ano subiu ao escenario con so 16 anos. O máis curioso é que daquela non puido tocar ata pasadas ás 12 da noite, para que alcanzase esa idade mínima. O dito, o rock and roll, non ten idade, nin data de caducidade. Hai canteira e relevo xeracional.

Dende Valencia chegan ao Rock in Cambre os Stratos-VLC que arrancan ás 22:30 horas do sábado. Lles seguirá outro clásico do rock galego, Os Resentidos, a partir das 23:45 horas. O tempo para o thrash metal de Angelus Apatrida será desde a 1:15 da madrugada e o remate do sábado o porá o ska dos italianos Banda Bassotti a partir das 2:45 horas.

O colofón á dous días de Rock in Cambre será na mañá do terceiro cunha sesión vermú prevista para o domingo 5 a partir das 12:00 horas. Actuará no Parque da Igrexa a banda local Malatransa.

Reforzo do servizo de bus

Para facilitar a mobilidade ao público asistente reforzarase o horario de buses por parte da concesionaria da liña, Autos Cal Pita- ASICASA. Cada 30 minutos haberá conexión de bus desde A Coruña. No caso de ser preciso reforzaríase o servizo ata ás 22.00 horas para garantir a asistencia aos concertos. Tamén se habilitan un horario extra para artellar o retorno dos asistentes. Así, desde a 1:30 horas da madrugada e ate ás 4:30 horas sairán da praza Enrique Piñeiro buses cada 30 minutos con destino Catro Camiños na Coruña

Aparcadoiros e Protección Civil

Habilitaranse aparcadoiros nas inmediacións do Campo de Fútbol Dani Mallo. Así como áreas específicas para persoas con mobilidade reducida nas proximidades da Policía Local. O público deste perfil terán tamén reservado un espazo anexo á mesa de control de son para poder gozar dos concertos.

Protección Civil contará cun punto de atención no Adro da Igrexa de Santa María de Cambre.

Espazo para durmida

Nesta edición cóntase cun espazo para durmir de balde nas datas do Rock in Cambre. A durmida terá lugar no Ximnasio, anexo ao patio do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, na rúa do mesmo nome. Trátase dun área pensada como zona de descanso e de convivencia.

O período para acampar abrangue desde o venres 3 de agosto a partir das 18.00 horas ata o domingo 5 ás 16.00 horas. O xeito de solicitar este servizo e as súas normas de uso están publicadas na web municipal. As persoas usuarias contarán cunha pulseira para se identificar que será persoal e intransferible.

Actividades paralelas e postos

Durante os días previos ao festival iniciáronse actividades complementarias para a rapazada que aínda teñen continuidade. O venres 3 está marcado o obradoiro ‘Queres ser rockeiro? Crea o teu propio instrumento’ que se celebra ás 17:30 horas na Casa da Cultura. Imparte a formación Lucía Louro, profesora en Sementeira. Ela será tamén a encargada de dirixir o sábado 4 un obradoiro de Rock Miúdo co título ‘Baila a ritmo de rock!’.

Colectivos de sensibilización social como a Mesa pola Normalización Lingüística, ou Solidariedade Galega co Pobo Saharaui contarán con stands.

Haberá tamén un punto oficial de venda de produtos do festival no campo da Feira.


HORARIO CONCERTOS ROCK IN CAMBRE 2018

DIA 3 DE AGOSTO
20:15 THE NORTH GROOVES
21:00 OS DESTEMPLADOS
21:45 SIN CITY DEVILS
22:30 RADIO OCEANO
23:30 SINIESTRO TOTAL
00:45 MARKY RAMONE
02:00 HEREDEIROS DA CRUS

DIA 4 DE AGOSTO
19:45 RONIN
20:30 WETSOCKS
21:45 COYOTE
22:30 STRATOS-VLC
23:45 OS RESENTIDOS
01:15 ANGELUS APATRIDA
02:45 BANDA BASSOTTI