O Concello celebrará o vindeiro xoves, 25 de xuño, un pleno ordinario no que o goberno local propoñerá a modificación da ordenanza de limpeza viaria e ornato público.
Os donos deberán levar, ademais, unha bolsa para recoller as deposicións que os animais realicen na vía pública
Como indica a concelleira de Servizos e Seguridade Cidadá, Elisa Pestonit, trátase dunha medida “nova que solucionará un problema sanitario, hixiénico e estético”.

O Concello de Cambre celebrará o vindeiro xoves, 25 de xuño, un pleno ordinario no que o goberno local propoñerá a modificación da ordenanza de limpeza viaria e ornato público. Con este cambio, o equipo de goberno busca resolver un problema frecuente e unha queixa reiterada por parte dos veciños e veciñas do municipio: a presenza de ouriños e deposicións de animais domésticos en espazos públicos. Para liquidar este problema, o goberno local propón cambiar o regulamento, obrigando aos donos dos cans para portar unha botella con auga ou algún desinfectante homologado para disolver as micciones dos animais –recoméndase diluír unhas pingas de vinagre na mestura para unha mellor limpeza-. As persoas propietarias deberán levar, ademais, unha bolsa para recoller os excrementos dos cans.

O novo regulamento tipificará como infracción leve o feito de non recoller inmediatamente as deposicións realizadas por un animal de compañía na vía pública e poderá conlevar unha sanción de ata 750 euros.

Trátase dunha medida “nova que liquidará un problema sanitario, hixiénico e estético”, explica a concelleira de Servizos e Seguridade Cidadá, Elisa Pestonit. Segundo indica, “nos últimos anos detectouse unha maior presenza de animais domésticos en espazos públicos o que implica, en moitas ocasións, un incremento dos comportamentos incívicos, como deixan os excrementos ou os ouriños dos cans en lugares públicos. Moitos veciños e veciñas de Cambre trasládannos a diario as súas queixas por esta cuestión, e cremos que o cambio na ordenanza implicará reducir os problemas de sucidade e mal cheiro”.

A previsión do goberno local é acompañar esta medida cunha campaña de concienciación para os veciños e veciñas de Cambre. O obxectivo, tal e como explica o alcalde, Óscar García Patiño, “é promover a tenencia responsable e o civismo entre os cambreses e cambresas”.