Cambre, 24 de xullo de 2018.  O próximo fin de semana teremos ocasión de asistir á segunda edición do Festival Popular da Canción de Autor “Corazón e Bravura”, en homenaxe a Miro Casabella.

O programa de actos comeza o xoves día 26 de xullo, ás 20.30 h, na Casa da Cultura coa inauguración dunha exposición que percorre a traxectoria vital de Miro Casabella a través dos seus concertos máis importantes, entendendo que é unha das figuras máis representativas da canción de autor en Galicia. Esta exposición poderá verse do 26 de xullo ata o 14 de setembro.

Ese mesmo día, preséntase o libro de Antonio Tizón titulado Un home estraño, gañador do Premio de novela curta “Cidade centenaria de Riveira”.

O venres 27, ás 20.30 h, terá lugar un concerto no Anfiteatro do Parque da Igrexa no que a protagonista será a cantautora de Vilaboa Bea a de Estrella, que interpretará pezas do seu disco Mar de Fóra.

E o sábado 28, ás 22.00 h, gran colofón neste programa homenaxe a Miro Casabella, voz do pobo galego e voz do “Meu país”, cun concerto no que compartirán escenario  Casabella e o emblemático cantautor cubano Pablo Milanés, autor de cancións tan populares e coñecidas por todo o mundo como “Yolanda”, “El breve espacio en que no estás” ou “De que callada manera”, entre outras moitas que conforman un importante proxecto discográfico.

INFORMACIÓN DE INTERESE

Onde aparcar?

Aqueles que se acheguen a Cambre nestes días poderán atopar espazo para deixar os seus coches na zona do Centro Saúde – Biblioteca Municipal, onde hai varias leiras habilidadas con esa finalidade, á marxe dos aparcadoiros habituais.