Cambre, 13 de setembro de 2018.  O Concello de Cambre  conscente dos bos  resultados que están dando os proxectos formativos destinados aos desempregados para a súa inserción laboral solicitou á Xunta de Galicia varios cursos formativos como ven facendo cada ano. Os cursos levaranse a cabo financiados  da Consellería Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Empleo y Seguridad Social.

Deste xeito, o Centro Municipal de Formación do Espíritu Santo acollerá os tres novos cursos a partir do mes de outubro: “Soldadura con electrodo revestido e TIG” (758 horas),  “Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG” (678 horas) e “Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas” (658 horas).

As persoas desempregadas deberán preinscribirse na Axencia de Desenvolvemento Local de Cambre e verificar que teñen acreditada a titulación mínima académica necesaria para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 (ESO ou equivalente).

As persoas desempregadas terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e deberán contactar coa Axencia de Desenvolvemento Local de Cambre antes do 24 de setembro no teléfono 981 613196.

A edil de Desenvolvemento Socioeconómico, Leonor Fernández, agradeceu á Xunta e ao Ministerio a concesión destes cursos. “Estes cursos permitirán formar a 45 desempregados nunhas disciplinas demandadas polas empresas locais. Continuamos coa nosa aposta de formar a desempregados para sexa efectiva a súa inserción laboral”, apuntou a concelleira.