Ao longo de toda a semana a previsión das axencias públicas de metereoloxía non daban como opción máis probábel a da chuvia para a noite do sábado, cando Miro Casabella e Paco Ibáñez actuarán a dúo na vila de Cambre. A previsión cambiou nas últimas horas, tanto a estatal Aemet como a autonómica Meteogalicia prevén chuvía para as últimas horas do día 29 como opción máis probábel, circunstancia que altera a organización do Festival Corazón e Bravura.

Carballada informou de que “No pavillón realizáronse probas e medicións de son, ensaios musicais e simulacións escénicas para conquerir unha calidade acústica minimamente digna para acoller un evento destas características. Unha vez aprobada por todas as partes a localización alternativa en caso de chuvia, determinouse que mañá antes do mediodía se tomará unha decisión definitiva en función da evolución do tempo, xa que o emprazamento orixinalmente pensado, o auditorio ao aire libre do Parque da Igrexa, está igualmente posto a punto para acoller o concerto en caso de abrir o ceo”.

O Concelleiro de Cultura fai un chamamento “a que todo o mundo acuda a Cambre, asi caian chuzos de punta, porque a confortabilidade e calidade do Festival vai estar garantida na que será unha oportunidade única de desfrutar de dous grandes cantautores, que posibelmente non se volva repetir”. O emprazamento final do concerto comunicarase polo Facebook do concello, contra o mediodía de mañá sábado.

“Desde primeira hora da mañá, o persoal de Cultura co Concelleiro á fronte, puxeron en marcha o plan alternativo deseñado para condicións metereolóxicas adversas, o emprazamento pensado é o Polideportivo Sofía Toro de Cambre, situado detrás da Casa do Concello, no centro neurálxico de Cambre, a 200 metros do Parque da Igrexa,” anunciou o edil de Cultura, Dani Carballada.

Asi, logo de perfilar os detalles relativos ao son e a luminotecnia do concerto cos representantes de Miro Casabella e Paco Ibáñez, mobilizouse a persoal técnico, conserxes, protección civil, policia local, brigada de obras e colaboradores habituais do Concello para poñer a punto a pista polideportiva.

Varias empresas confirmaron que a previsión de auga está a anular determinados concertos ao aire libre previstos para mañá, non será o caso do Festival Corazón e Bravura. Mais o contrario, no caso de ter que finalmente celebrarse no Polideportivo cambrés, a seguridade e a comodidade estará máis que garantida, xa que haberá cadeiras para todos, ademáis de sitios para persoas con mobilidade reducida asi como numerosos servizos, nun concerto de entrada libre.