O obxectivo non é outro que concienciar sobre a necesidade de facer un bo uso destes espazos, que garanten a rotación de vehículos e, por tanto, o aparcamento para un maior número de persoas.

A Policía Local de Cambre iniciou, esta semana, unha campaña de supervisión e control da zona azul nas sete áreas de estacionamento destas características existentes no municipio. O obxectivo desta iniciativa non é outro que concienciar á cidadanía sobre a importancia de facer un bo uso destes espazos, que garanten a rotación de vehículos e, por tanto, o aparcamento para un maior número de persoas. Con esta premisa, os axentes municipais están a intensificar os labores de información e control para evitar estacionamentos indebidos nestes puntos.

Ata o de agora, os axentes municipais interpuxeron unha trintena de multas a aqueles condutores que incumpriron algunhas das normativas para aparcar na zona azul. No caso de Cambre, o servizo é completamente gratuíto e funciona de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e os sábados de 9.00 a 13.00 horas. Os condutores dispoñen dun tempo máximo de 30 minutos e deben indicar, obrigatoriamente, a hora de chegada.

Durante este tipo de controis, a Policía está a poñer o foco, ademais, na dobre fila, unha práctica común na zona de Costa da Tapia e que entorpece a circulación normal por unha das arterias principais do termo municipal.