Os axentes denunciaron a unhas dez persoas por saltarse o toque de queda, que restrinxe a mobilidade nocturna de 23.00 a 06.00 horas.
O alcalde, Óscar García Patiño, lembra que “hai 73 casos positivos no noso municipio, polo que é fundamental que todos e todas cumpramos coas normas para reducir esta cifra”.

O endurecemento das medidas COVID-19 supuxo, no caso concreto de Cambre, un reforzo no número de controis policiais. O alcalde, Óscar García Patiño, lembra que “agora mesmo, hai 73 casos positivos no noso municipio –segundo datos proporcionados pola Xunta de Galicia-, polo que é fundamental que todos e todas cumpramos estritamente coas restricións para reducir esta cifra”. Nas últimas semanas, a Policía Local interpuxo preto de 20 multas a persoas particulares por incumprir as últimas restricións anunciadas tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia.

Os axentes municipais multaron a uns dez veciños e veciñas por incumprir o toque de queda marcado polo Goberno, que restrinxe a mobilidade nocturna das persoas de 23.00 a 06.00 horas. Segundo apuntan desde a Policía, amoestouse a aquelas persoas que se atopaban na vía pública dentro desta franxa e sen unha causa xustificada.

A Policía Local multou tamén a outras cinco persoas por celebrar reunións de non conviventes nos seus domicilios. Actualmente, tal e como se especifica na orde do Diario Oficial de Galicia do 4 de novembro, estes encontros están limitados, en exclusiva, a grupos de persoas conviventes no caso de Cambre. Os municipais interpuxeron outras cinco amoestacións a persoas por realizar botellóns na vía pública e por non levar máscara, entre outros motivos.