Segundo as restricións decretadas pola Xunta de Galicia, os encontros en vivendas estaban limitados, unicamente, a persoas conviventes.
Os axentes municipais multaron, ademais, a outras catro persoas por incumprir o toque de queda e a outras dúas por non levar posta a máscara.

A Policía Local interpuxo, en Semana Santa, unhas 20 denuncias por reunións de persoas non conviventes en domicilios, algo prohibido segundo as restricións da Xunta. O organismo autonómico determinou que os encontros estarían limitados a seis persoas no exterior e a catro no interior, quedando restrinxidos os de non conviventes en vivendas.

En todos os casos, as reunións realizáronse en horario diúrno e os axentes acudiron tras recibir o aviso por parte dalgún veciño/a. En canto ao perfil dos denunciados, tratábase de mozos e mozas e de persoas de mediana idade.

A maiores, entre o 29 de marzo e o 4 de abril, a Policía multou a outras catro persoas por saltarse o toque de queda e atoparse na vía pública máis aló das 22.00 horas. Por último, denunciouse a outros dous individuos por non levar posta a máscara.