A maioría das denuncias foron por saltarse o toque de queda, traspasar o peche perimetral e por non levar posta a máscara, así como por pasar o número máximo de persoas en reunións de non conviventes.

A Policía Local de Cambre interpuxo, desde o mes de novembro, unhas 70 multas por incumprimentos da normativa sanitaria pola covid-19. En concreto, a cifra correspóndese coas sancións postas entre o 7 de novembro –cando se decretou o peche perimetral conxunto do que, ata o de agora, formaba parte Cambre- e hoxe, mércores 13 de xaneiro.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, sinala “o excelente labor realizado polos axentes municipais desde o inicio dá pandemia”. Así mesmo, o rexedor incide na intención do Concello de continuar “traballando para garantir que se cumpran as medidas da covid-19” e pide a colaboración de todos os veciños e veciñas para respectar as directrices e recomendacións “e reducir así o risco de contaxio”.

A maioría de multas interpuxéronse a particulares por saltarse o toque de queda, traspasar o peche perimetral, por non levar posta a máscara, así como por superar o número máximo de persoas en reunións de non conviventes.

Entre o 23 de decembro de 2020 e hoxe, os axentes municipais denunciaron a unhas dez persoas por non portar a máscara e a outras catro por non respectar a restrición da mobilidade nocturna sen xustificación. A Policía Local rexistrou outra decena de denuncias en reunións nas que se pasou o número máximo de persoas non conviventes.

Plenos e comisións

Ante a evolución da situación epidemiolóxica da covid-19, os plenos e as comisións do Concello de Cambre empezarán a realizarse de forma telemática co fin de reducir o risco de contaxio.