A Agrupación de Protección Civil de Cambre abriu hoxe, luns 10 de febreiro, o prazo de presentación de solicitudes para buscar a novos voluntarios para reforzar e mellorar este servizo no municipio. As persoas interesadas en engrosar este grupo poderán presentar a súa solicitude ata o 20 de febreiro na propia base da agrupación, situada nos Campóns Nº 6 (Sigrás).

Manuel Varela Souto, coordinador do Servizo Municipal e Emerxencias e Protección Civil de Cambre, impartirá unha charla dirixida ás persoas solicitantes o sábado, 22 de febreiro, entre as 10.00 e as 13.00 horas. O obxectivo desta acción non é outro que explicar o funcionamento e o día a día da agrupación de Protección Civil de Cambre.

En Cambre, o servizo encárgase de labores de prevención e coordinación. A Agrupación participa de forma activa nas actividades impulsadas e coordinadas polo Concello, como probas ou actividades deportivos, lúdicas ou culturais, entre outros traballos. Así mesmo, Protección Civil colabora tamén en situacións de emerxencia, como en accidentes, cortes nas estradas municipais, etc. Os novos voluntarios encargaranse, fundamentalmente, das tarefas de apoio da seguridade durante o desenvolvemento de eventos.

Poderán acceder a esta agrupación persoas que teñan, como mínimo, 16 anos (neste caso, deberán presentar o permiso dos seus titores legais). A Agrupación pon o teléfono 606 30 99 56 ao dispor daqueles que necesiten máis información.