O Concello de Cambre iniciou hoxe, luns 4 de novembro, o proxecto de mellora do espazo público e rexeneración urbana no Temple, que incluirá actuacións en dez rúas desta zona. En concreto, o plan de rexeneración comezou nas rúas Luís Seoane e Teresa Herrera. Unha vez terminadas estas dúas intervencións, actuarase tamén nas rúas Ánxel Fole, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Francisco Rodríguez, Celso Emilio Ferreiro e Párroco Manuel Cobas.

Este plan supoñerá un importante cambio estético na zona, e o máis importante, unha importante mellora nas condicións de seguridade, accesibilidade e ordenación no Temple. O proxecto que o Concello acometerá nestas rúas implicará, fundamentalmente, os seguintes traballos: renovación do pavimento e adaptación do ancho das beirarrúas, elevación dos pasos de peóns, acondicionamento dos viais, reordenación do espazo de aparcamento e renovación da iluminación actual –apostando pola tecnoloxía LED-, do mobiliario urbano e das árbores.

Durante a execución das obras en Luís Seoane e Teresa Herrera, os veciños e veciñas da zona poderán utilizar os seus garaxes, excepto nos días necesarios para acometer os labores de pavimentación.

A previsión do goberno local é que as intervencións en Luís Seoane e Teresa Herrera finalicen o 20 de decembro. Con todo, e co obxectivo de non entorpecer a actividade comercial propia da época do Nadal, o Concello retomará o proxecto para mediados de xaneiro do 2020, actuando no resto de rúas.

O alcalde, Óscar García Patiño, sinala a importancia destas actuacións, “que servirán para renovar a imaxe do Temple e para mellorar a seguridade nesta zona”.