Os actos arrincarán mañá, venres 11 de setembro, cun concerto a cargo de Black Galicia. A programación continuará o sábado, 12 de setembro, con dúas actividades: Pulpiño Viascón e o Señor Lili e Circo 4.0, Sue Moreno.

A música e as acrobacias aéreas serán as grandes protagonistas da programación cultural do Concello de Cambre para esta fin de semana. Como no resto de actividades, estes eventos estarán suxeitos a un estrito protocolo de prevención e seguridade para evitar contaxios pola COVID-19.

O calendario desta fin de semana arrincará mañá, venres 11 de setembro ás 21.00 horas, cun concerto de Black Galicia no Parque da Igrexa de Cambre. A agrupación revivirá algún dos grandes éxitos do soul, achegando este estilo musical ao público asistente. Prégase máxima puntualidade para acudir ao concerto, cuxo recinto estará aberto desde as 20.30 horas. Como parte do protocolo elaborado polo Concello, o aforo será limitado por orde de chegada.

As actividades continuarán o sábado, 12 de setembro, cun doblete na programación. Ás 17.00 horas, a praza Casares Quiroga converterase na escena de Pulpiño Viascón e o Señor Lili, que aterran no municipio cun espectáculo de animación de rúas apto para todos os públicos. Ás 19.00 horas, será a quenda de Circo 4.0, Sue Moreno, que terá lugar no Parque da Igrexa. A función, na que se mesturan técnicas aéreas de circo con cancións e teatro, cóntanos a historia de como unha muller intenta conciliar o traballo, a vida e a maternidade no seu día a día. Ambos os dous eventos terán aforo limitado por orde de chegada (o público poderá acceder 30 minutos antes do inicio das actuacións).

Todas as actividades levaranse a cabo como parte do programa Cultura no camiño da Xunta de Galicia.