A concelleira de Cultura, Mónica Varela, sinala a “boa aceptación” que esta iniciativa acada, ano tras ano, entre as familias.

As bibliotecas municipais retoman, esta semana, a súa programación de animación á lectura, dirixida a público infantil a partir dos 3 anos. A iniciativa traerá de volta os contacontos en inglés e as historias do Moucho Leroucho e Paula Carballeira.

O Moucho Leroucho comezará mañá, mércores 12 de xaneiro ás 17.30 horas, o seu particular tour polo municipio cunha primeira parada na Biblioteca Central. A esta seguiralle unha dobre sesión na Biblioteca Os Templarios -ás 17.30 e ás 18.30 horas- o xoves, día 13. O Moucho rematará a semana na Biblioteca Xabier P. Docampo este venres, 14 de xaneiro ás 17.30 horas. Para acudir a calquera das sesións será preciso reservar praza na instalación correspondente.

A maiores, xa está aberta a inscrición para a sesión de contacontos en lingua inglesa que se celebrará o vindeiro xoves, 20 de xaneiro ás 18.30 horas, na Biblioteca Os Templarios.

Paula Carballeira acompañará tamén aos nenos e nenas cunha xira os días 26 (Biblioteca Central, 17.30 horas), 27 (Os Templarios, 18.30 horas) e 28 de xaneiro (Xabier P. Docampo, 17.30 horas).

A concelleira de Cultura, Mónica Varela, sinala a “boa aceptación” que o programa acada, ano tras ano, entre as familias. O obxectivo destas propostas non é outro que “facilitar o achegamento dos máis pequenos e pequenas ás bibliotecas e aos recursos bibliográficos dos que estas dispoñen promovendo, ademais, o hábito da lectura”.