A Asociación de Veciños Afectados polas Infraestruturas de Cambre, os alcaldes, tenentes de alcalde e concelleiros dos Concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo e Carral, representantes dos grupos do BNG e PSdeG-PSOE do Parlamento Gallego e de varias asociacións ecoloxistas uníronse hoxe en defensa do ecoloxismo na área metropolitana da Coruña. En representación do Concello de Cambre acudiu o alcalde, Óscar García Patiño. O encontro levou a cabo tamén para solicitar á Xunta que reflexione sobre o impacto ambiental que o novo trazado da Vía Ártabra terá sobre o territorio. En concreto, as actuacións previstas pola Consellería supoñerán a destrución do humidal da Gándara, un espazo recoñecido polo seu alto valor ecolóxico.

O acto realizouse coincidindo co inicio da Semana Mundial da Loita Contra o Cambio Climático convocada pola activista sueca Greta Thunberg. O encontro consistiu na lectura dun manifesto por parte do secretario da Asociación de Veciños Afectados por Infraestruturas de Cambre, Javier Rodríguez. Durante a súa intervención, Rodríguez confirmou o compromiso dos alí presentes por defender o ecoloxismo na área metropolitana coruñesa.

O secretario sinalou que “na actualidade existen proxectos de infraestruturas na nosa comunidade que atentan contra espazos naturais protexidos”. Así, tal e como explicou, “un dous exemplos máis preocupantes e próximos desta desprotección é a destrución da área húmida da Gándara coa incorporación do trazado da Vía Ártabra entre a N-VI e a AP-9”. O proxecto exposto pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non só supoñerá a destrución do humidal da Gándara, catalogado dentro do Inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, senón que tamén implicará unha maior concentración de tráfico a través da AP-9, colapsando esta estrada e a avenida de Alfonso Molina.

Como broche final, Javier Rodríguez pediu á Xunta que reflexione sobre as posibles consecuencias da Vía Ártabra. Así mesmo, anunciou que a Asociación de Veciños Afectados por Infraestruturas de Cambre apoiará a campaña ‘Pensando global e actuando local’ para presentar a candidatura de Greta Thunberg ao premio Princesa de Asturias á Concordia 2020 a través da plataforma change.org.