O cyberbullying – ciberacoso-, o consumo de drogas entre adolescentes e a educación afectivo-sexual serán só algúns dos temas que o Concello de Cambre abordará a través da Escola de Nais e Pais do curso escolar 2019/2020. A iniciativa, posta en marcha pola concellería de Educación, tratará cos pais e nais algúns dos temas que máis preocupación suscitan con respecto á educación dos seus fillos e fillas. A iniciativa do Concello busca, así mesmo, dar apoio educativo e psicolóxico ás familias, axudándoas a educar aos mozos.

Para conseguilo, o Concello expón unha estratexia formativa fundamentada en exemplos prácticos referentes a situacións da vida cotiá e na que se poñerá o acento nas seguintes temáticas: uso responsable de redes sociais –a importancia de manter a privacidade e principais problemas asociados ao uso inadecuado das redes sociais: cyberbullying e grooming-, violencia de xénero, prevención e intervención –identificación destas situacións e recursos e institucións aos que se pode acudir en busca de apoio-, consumo de drogas entre a adolescentes –información sobre o fenómeno de uso e abuso de alcol e outras drogas- e educación afectivo-sexual –fomento de condutas saudables e responsables con respecto á súa vida sexual-.

O concelleiro de Educación, Miguel Ángel Gutiérrez, sinala que a programación da Escola de Nais e Pais realizouse “atendendo ás demandas da comunidade educativa, que lle trasladou as principais preocupacións que teñen sobre a educación dos alumnos e alumnas”. Gutiérrez incide en que se trata de temáticas “vitais” coas que o equipo de goberno busca poñer aos pais e nais en coñecemento e axudarlles a previr estas problemáticas.

O prazo de inscrición estará aberto ata o inicio da actividade, polo que as persoas interesadas aínda poden apuntarse. Para facelo, deberán recoller e entregar a solicitude de inscrición en calquera dos rexistros municipais de Cambre.

Actividades educativas e curso de Monitor de Comedor Escolar

Os interesados poderán inscribirse ata mañá, venres 20 de setembro, nas actividades educativas e no curso de Monitor de Comedor Escolar. No caso de que queden prazas libres, os veciños e veciñas poderán contactar co departamento de Educación no 981 61 32 91 para solicitar máis información ou para anotarse.