Cambre, 28 de xaneiro de 2019.   O pasado sábado 26 de xaneiro de 2019 entre as 09:00 a as 14:00 horas tivo lugar no salón de sesións do Concello de Cambre un curso de dinamización da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero impartido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

A formación, dirixida ás persoas integrantes da mesa local interinstitucional contra a violencia de xénero de Cambre, tiña como obxectivo dotar á mesa de mecanismos e dinámicas de traballo facilitadoras da planificación, facilitar novas dinámicas de traballo colaborativas, incrementar o grao de efectividade da coordinación e acadar unha maior implicación, participación e colaboración de todos os axentes e instancias na prevención e detección precoz de casos e que contribúa tamén á mellora da prevención e atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero.

Durante a sesión elaborouse un mapa de axentes e unha análise DAFO para estudar a composición da mesa así como as súas debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades de cara a marcar os obxectivos e novas propostas de actuación para este ano 2019.

A raíz da análise DAFO redactaronse unha serie de medidas e acordos para aprobar nunha próxima convocatoria extraordinaria da Mesa co compromiso de que sexa antes do verán de 2019.

A este curso de formación xa acudiu a nova asociación de mulleres de Cambre co obxectivo de incorporarse como integrantes de pleno dereito á Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do Concello de Cambre.