O Concello de Cambre presentou o xoves 11 de xullo, os resultados do Proceso de Participación Pública sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Fíxoo ante decenas de veciños e veciñas do municipio que encheron o salón de plenos da Casa do Concello. Atendendo aos resultados, o Concello asinou un éxito de asistencia con esta iniciativa: en total, os 37 encontros -4 encontros de futuro, 14 reunións informativas nas parroquias e 19 encontros escolares- congregaron a 1.104 persoas.

A xornada contou coa intervención do concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, que sinalou o “éxito” que este proceso tivo entre os cambreses e cambresas. Así mesmo, no acto interveu a empresa encargada do proceso de participación, que destacou “o grande interese dos veciños e veciñas polo medio ambiente e polo patrimonio do municipio”. Así, os veciños presentaron 153 propostas nas que a Mobilidade e o Transporte (37%), os Equipamentos (25%) e os Servizos (20%) foron as temáticas máis abordadas. Así mesmo, realizáronse un total de 326 consultas públicas. Doutra banda, a compañía explicou que nos encontros informativos das parroquias, as conexións viarias e a mobilidade sustentable foron os temas que máis interese suscitaron entre os asistentes.

Unha vez se presentaron as conclusións principais, deuse paso a unha mesa redonda na que tomaron a palabra cinco veciños que interviñeran activamente durante o proceso de participación. Todos eles coincidiron en sinalar a importancia deste tipo de iniciativas, explicando que a maior parte das solicitudes coincidían entre as diferentes parroquias do termo municipal. En liñas xerais, os representantes veciñais incidiron na idoneidade da dinámica. E é que, tal e como explicaron, puideron facer consultas e resolver dúbidas.

A mesa redonda deu paso á intervención dun grupo de nenos e nenas do CEIP Gonzalo Torrente Ballester, que expuxeron ante o público asistente, dúas propostas para o Cambre do futuro: por unha banda, converter o municipio nun referente deportivo na comarca, e polo outro, crear unha zona peonil no centro urbano. Con todo, para chegar a estas dúas medidas, os pequenos realizaron un laborioso traballo de investigación no que estudaron as características urbanísticas do concello.

FOTO CAMBRE-Cambre asina un éxito no Proceso de Participación Pública do PXOM, no que tomaron parte 1104 veciños

Os nenos presentaron dúas propostas para o Cambre do futuro

En total, ao longo do Proceso de Participación do PXOM realizáronse 19 encontros escolares nos 7 centros do termo municipal. En xeral, destacouse que os máis pequenos teñen un gran interese polo medio ambiente, pola mobilidade sustentable e polas zonas verdes.

Como conclusión final, explicouse que hai seis retos de futuro para o PXOM de Cambre: a potenciación da mobilidade sustentable, a reordenación do armazón viario urbano e interparroquial, a conservación e posta en valor do patrimonio natural e histórico-cultural, a consolidación dunha rede de servizos sustentable e a dotación de equipamentos e zonas verdes, a habilitación de chan para a construción de vivenda e para o desenvolvemento económico e a integración na área metropolitana.

A empresa encargada de realizar o proceso participativo explicou que as propostas realizadas polos veciños serán respondidas proximamente.