A través deste acordo, o Concello comprométese a realizar unha modificación puntual das Normas Subsidiarias para clasificar estes terreos como solo urbanizable.
Este cambio no plan supoñerá aplicar unha edificabilidade de 0,75 m2/ m2, dos que 0,13 m2/ m2 serán cedidos ao Concello para a rehabilitación destas edificacións.

O Concello segue dando pasos en firme para recuperar as Casas Bailly, dúas xoias modernistas situadas no alto do Graxal. O alcalde, Óscar García Patiño, asinou hoxe un convenio urbanístico cos propietarios dalgunhas parcelas lindeiras ás construcións, situadas no lugar do Graxal-O Temple. A través deste acordo, o Concello comprométese a realizar unha modificación puntual das Normas Subsidiarias de Plan para clasificar estes terreos como solo urbanizable.

A edificabilidade prevista será do 0,75 m2/ m2, dos que 0,13 m2/ m2 serán cedidos ao Concello. Esta edificabilidade de 0,13 m2/ m2 estaría acompañada do 10% do aproveitamento tipo de cesión obrigatoria, e supoñería unha valoración económica aproximada de 1,3 millóns de euros que o Concello destinaría a financiar a rehabilitación do exterior das Casas Bailly.

O acordo asinado hoxe supoñerá, por unha banda, a ordenación tanto do solo urbano non consolidado constituído pola actual unidade de execución nº 19 das Normas Subsidiarias de Planeamento como do solo co que esta unidade linda e que, actualmente, carece de clasificación urbanística –debido a un deslinde que realizaron os Concellos de Cambre e Oleiros no 2001-. Polo outro, a sinatura do convenio implicará dar un paso máis na recuperación destas edificacións que, actualmente, se atopan en mal estado. Como explica García Patiño, “levamos anos traballando para conservar estas dúas pezas fundamentais no patrimonio histórico e arquitectónico de Cambre. Con este convenio estamos máis preto de conseguilo”. Ademais do seu valor patrimonial, as Bailly destacan pola súa localización estratéxica, pola súa colindancia coa AC-12 e a súa interconexión con outros municipios.