Unha das grandes atraccións da festa serán os concurso de carrozas, comparsas e disfraces. Este ano, o Concello entregará máis de 2.000 euros en premios.

Cambre ten practicamente todo preparado para celebrar, un ano máis, as festas do Entroido. A concellería de Cultura está ultimando xa os detalles para organizar numerosas actividades para todos os públicos. Dentro do abano de propostas destaca o Entroido Pequeno, o día grande das festas, que este ano se levará a cabo o 29 de febreiro. Como é habitual, haberá concurso de carrozas, comparsas e disfraces, nos que se repartirán máis de 2.000 euros en premios.

A concelleira de Cultura, Mónica Varela, anima a todos os veciños e veciñas do municipio, así como aos do resto da provincia, “a sumarse á celebración do Entroido de Cambre para que estas festas sigan gañando en recoñecemento”. Varela agarda “a chegada de milleiros de persoas a Cambre durante a celebración do Entroido Pequeno máis grande do Mundo”.

Por un lado, na modalidade de disfraces haberá dúas categorías: infantil (dirixida a menores de 12 anos) e xeral (a partir dos 12 anos). En ambas as dúas poderase participar de forma individual ou en grupo. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo inmediatamente antes do desfile de disfraces no interior da carpa habilitada a tal efecto que estará no Campo da Feira .

Polo outro, na modalidade de comparsas poderán participar as agrupacións previamente inscritas e que estean compostas por un mínimo de seis persoas con disfraces relacionados entre si. Unha vez estean no escenario –e ante o xurado do certame- poderán realizar un pequeno espectáculo de tres a catro minutos. As comparsas do municipio que tomen parte no concurso recibirán unha gratificación de 100 euros –sempre que o número delas non supere o total de cinco-.

Por último, á modalidade de carrozas poderán sumarse aquelas compostas por seis ou máis compoñentes, inscritas previamente, presentes no punto de saída e que participen no desfile ata o Campo da Feira.

Un xurado valorará aos mellores participantes de cada categoría tendo en conta os seguintes criterios: orixinalidade, estética, creatividade e traballo na elaboración dos disfraces, comparsas e carrozas; posta en escena, animación musical, capacidade de interacción do público e mobilización das masas, sátira e crítica social; conservación do Entroido tradicional e uso do galego –tanto oral como escrito.

Tras a decisión do tribunal, entregaranse os seguintes premios:

  • Disfraces
  • Infantil: 150 euros
  • Xeral: 150 euros

 

  • Comparsas
  • 1º premio: 300 euros
  • 2º premio: 200 euros

 

  • Carrozas
  • 1º premio: 500 euros
  • 2º premio: 400 euros
  • 3º premio: 250 euros
  • 4º premio: 150 euros

O período de inscrición será do 17 ao 27 de febreiro. As persoas interesadas en participar poderán anotarse mediante a presentación da solicitude nos Rexistros de Cambre ou a través da sede electrónica.