O Concello de Cambre acolleu o xoves 11 de xullo, a presentación oficial da nova edición do Temple Jazz, que se celebrará entre o 12 e o 14 de xullo en varios espazos do Temple. A Casa da Cultura Vila Concepción converteuse no escenario inaugural do festival. Á presentación acudiron a concelleira de Cultura, Mónica Varela, o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, a concelleira de Desenvolvemento Asociativo, María del Carmen Pan Matos, o responsable de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, e a concelleira de Mobilidade e Medio Ambiente, Patricia Parcero. Así mesmo, asistiron membros de Ejazz e Paul Álvarez Project, dúas das agrupacións que actuarán ao longo da fin de semana.

O evento arrincará mañá, venres 12 de xullo, ás 20.00 horas na Casa da Cultura Vila Concepción. Ese día terá lugar a inauguración da exposición Round about filloa, que estará exposta ata o día 30 de xullo. A mostra consta de 40 paneis onde se recolle un resumo das catro décadas de historia do Jazz Filloa a través de fotografía e carteis, fundamentalmente. Esta inauguración estará amenizada por música. En concreto, pola actuación de Marcelo Peralta & Baldo Martínez. Ese mesmo día, o parque Ramón Barba converterase, ás 22.30 horas, no escenario da actuación de Tiago Baptista & Antón Iglesias 4 tet.

O evento continuará o 13 de xullo ás 20.30 horas. Será entón cando Paul Álvarez Project actúe no parque Ramón Barba. Ás 22.30 horas terá lugar a actuación do grupo Ejazz como parte da Rede Cultural da Deputación 2019.

Como broche final do evento, o domingo 14 de xullo ás 22.30 horas terá lugar a actuación de Nani García Big Band co seu espectáculo Audiovisualismo.

Todas as actividades, tanto as que levarán a cabo na Casa da Cultura Vila Concepción como no parque Ramón Barba, son totalmente gratuítas.

Durante a presentación, a concelleira de Cultura sinalou a “importancia” deste evento, e confirmou a intención do Concello de “seguir apostando por este tipo de accións”. Unha idea coa que coincidiron o resto de concelleiros alí presentes. Pola súa banda, Ramón Boga, explicou que festivais como o Temple Jazz ou o Rock in Cambre afianzan “a gran tradición musical que ten ou noso municipio”. Diego Alcantarilla e Patricia Parcero comentaron que este tipo de festivais serven para que “os veciños poidan descubrir un estilo musical como o jazz”.