Cambre,  7 de  marzo de 2019.  O salón de plenos do Concello de Cambre acolleu hoxe o acto en conmemoración do Día Internacional da Muller 2019 coa presentación da Asociación A Porta Violeta cuxo principal obxectivo é a promoción da igualdade desde unha óptica feminista, aberta, plural e democrática.

O acto estivo presidido pola concelleira de Igualdade, María Jesús Gómez, a edil de Servizos, Elisa Pestonit, e as oito mulleres que puxeron en marcha a asociación  A Porta Violeta. Leeuse o manifesto cun día de antelación co obxectivo de adiantar os actos previstos para conmemorar o Día Internacional da Muller e apoiar a folga feminista prevista para mañá.

A asociación A Porta Violeta nace co espírito de complementar e colaborar coas diferentes administracións públicas e entidades privadas, pero iso si, non perderemos un ápice da nosa independencia, permanecendo vixiantes e reivindicativas ante o desenvolvemento das políticas públicas e privadas concernentes á igualdade.

Os fins da nosa asociación son:

  1. A promoción da igualdade.
  2. A atención e asistencia ás vítimas de delitos de violencia de xénero.
  3. Apoio e soporte emocional ás vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos, así como favorecer o seu benestar psicosocial e traballar na autonomía persoal e inserción laboral.
  4. Impartir formación, información e sensibilización sobre violencia de xénero.
  5. Facilitar a coordinación e a cooperación institucional.

Para a consecución destes fins desenvolveremos diferentes tipos de actividades como: apoio emocional individual e grupal ás mulleres e as súas fillas e fillos, de apoio á conciliación, de información de dereitos e asesoramento xurídico, psicolóxico, laboral, social…, formativas, debates, charlas, campañas de sensibilización social, de participación no desenvolvemento das políticas públicas, de coordinación cos organismos públicos,…

Para todo isto precisamos de máis persoas con inquedanzas, dispostas a participar, xa sexa como socias ou colaboradoras e a partires de agora deixamos “A porta violeta” aberta para todas aquelas persoas que queiran achegarse ao proxecto.