O Concello de Cambre organiza, un ano máis, o Temple Jazz, que vai xa pola súa terceira edición. Nesta ocasión, o evento musical celebrarase os días 12, 13 e 14 de xullo en varios espazos do Temple.

O evento arrincará o venres 12 de xullo, ás 20.00 horas na Casa da Cultura Vila Concepción. Ese día terá lugar a inauguración da exposición Round about filloa, que estará exposta ata o día 30 de xullo. A mostra consta de 40 paneis onde se recolle un resumo das catro décadas de historia do Jazz Filloa a través de fotografa e carteis fundamentalmente. Esta inauguración estará amenizada por música. En concreto, pola actuación de Marcelo Peralta & Baldo Martínez. Ese mesmo día, o parque Ramón Barba converterase, ás 22.30 horas, no escenario da actuación de Tiago Baptista & Antón Iglesias 4 tet.

O evento continuará o 13 de xullo ás 20.30 horas. Será entón cando Paul Álvarez Project actúe no parque Ramón Barba. Ás 22.30 horas terá lugar a actuación do grupo Ejazz como parte da Rede Cultural da Deputación 2019.

Como broche final do evento, o domingo 14 de xullo ás 22.30 horas terá lugar a actuación de Nani García Big Band co seu espectáculo Audiovisualismo.

Todas as actividades, tanto as que levarán a cabo na Casa da Cultura Vila Concepción como no parque Ramón Barba, son totalmente gratuítas.

O alcalde, Óscar García Patiño, destaca a importancia deste evento, ao que se busca “dar continuidade ao longo do tempo para que siga crecendo” e cubrir así unha demanda musical en todo o municipio.

 

Cartel Temple Jazz 2019

Cartel Temple Jazz 2019