A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Cambre organiza, un ano máis, as súas Xornadas Castrexas, que van xa pola súa décimo sétima edición. A iniciativa, que acumula xa anos de historia, levarase a cabo os días 23 e 24 de novembro, e ofrecerá un completo programa de conferencias a cargo de dous arqueólogos e unha visita ao castro de Viladonga (na provincia de Lugo).

Este ano, as Xornadas arrincarán o sábado, 23 de novembro, cunha serie de conferencias que se realizarán na Casa da Cultura Vila Concepción a partir das 10.00 horas. Ese día, ás 10.15 horas, Eduardo Breogán Nieto Muñiz impartirá a charla Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé 2019: pervivencias tardías nun castro romanizado. O arqueólogo é, precisamente, o director de obra da escavación do castro de Santomé. Rafael M. Rodríguez Martínez, arqueólogo na Deputación de Pontevedra, tomará o relevo co relatorio Os xacementos galaico romanos da provincia de Pontevedra. O proxecto trazas de Pontevedra (ás 11.45 horas).

A programación das Xornadas Castrexas continuará o domingo, 24 de novembro, cunha visita ao castro de Viladonga-Castro de Rei (Lugo). As persoas asistentes partirán, ás 8.00 horas, desde a Casa do concello en dirección Lugo. Ao longo do día, coñecerán, non só o xacemento de VIladonga, senón tamén o museo arqueolóxico. Como parte da actividade, os participantes desprazaranse tamén ata Meira, onde poderán descubrir algúns dos recursos turísticos e patrimoniais da Bisbarra. O regreso ao Concello está previsto para, aproximadamente, as 20.30 horas.

O prazo de inscrición xa está aberto, e as persoas interesadas en poderán apuntarse ata o 20 de novembro presentando a folla de solicitude en calquera dos rexistros do Concello de Cambre ou na sede electrónica. No caso de que o número de rexistrados fose superior á cifra de prazas dispoñibles, o día 21 de novembro realizarase un sorteo público nas oficinas da OMIX. As solicitudes que non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de espera.

O concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, destaca “ou grande interese” que as Xornadas Castrexas suscitan, ano tras ano, entre os veciños e veciñas do municipio. Así mesmo, Boga explica que as Xornadas permítenlles poñerse ao día sobre as últimas novidades arqueolóxicas: “A actividade está dividida en dúas partes, por unha banda os relatorios de carácter científico e, polo outro, a visita a un xacemento. Esta iniciativa permítelles aos participantes descubrir avances en materia de arqueoloxía”.