O Concello instalará carteis informativos en todas as marquesiñas con recomendacións e obrigacións para os usuarios e usuarias do transporte público.
Como explica a concelleira de Medio Ambiente e  Mobilidade, Patricia Parcero, “sabemos que hai moitos veciños e veciñas que utilizan o bus de forma diaria, e por iso, queremos que teñan toda a información en materia de seguridade”.

Informar os veciños e veciñas do municipio que utilizan, a diario, o transporte público. Ese é o obxectivo que persegue a última iniciativa posta en marcha pola concellería de Medio Ambiente e Mobilidade do Concello. Esta campaña informativa inclúe a instalación de carteis coas principais recomendacións en materia de mobilidade e, ademais, a colocación de marcas no chan en forma de pegadas para que os pasaxeiros e pasaxeiras manteñan a distancia de seguridade. Como explica a concelleira de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero, “nesta fase da desescalada non podemos baixar a garda, sabemos que hai moitos veciños e veciñas que utilizan o autobús de forma diaria, e por iso, queremos que teñan toda a información en materia de seguridade”.

Nos vindeiros días, o Concello arrincará a campaña coa instalación de letreiros informativos en todas as marquesiñas do termo municipal. Estes carteis recollen, entre outras, as seguintes recomendacións e obrigacións: a necesidade de manter, en todo momento, a distancia de seguridade, a importancia de pagar coa tarxeta de transporte en lugar de con efectivo, a obrigatoriedade de usar máscaras nos traxectos, etc. Así mesmo, os usuarios e usuarias do transporte público terán pautas sobre como refugar o material de protección –nunha bolsa hermética e pechada e no contedor de inorgánicos-. Como alerta a responsable de Medio Ambiente e Mobilidade, nos últimos días, o Concello recibiu numerosos avisos nos que se alertaba da presenza de máscaras e luvas nas zonas urbanas e tamén nos espazos naturais. Segundo sinala a concelleira, nestes días, é “fundamental centrar máis esforzos na xestión correcta dos residuos para evitar a propagación do virus e manter os espazos urbanos e naturais en perfecto estado”.

Ademais da instalación de paneis informativos, a campaña incluirá tamén a colocación de pegadas nas marquesiñas máis concorridas do municipio. Estas ‘pegadas’ servirán para marcar a distancia de seguridade entre os pasaxeiros e pasaxeiras mentres esperan polo autobús.