Cambre, 11 de septiembre de 2017.   O Concello de Cambre comeza a elaborar os orzamentos do 2018 e por segundo ano consecutivo pon en marcha un mecanismo de participación cidadá, a campaña de recollida de propostas “Decidámolo Xuntos”.

Trátase dunha nova edición do programa que o ano pasado foi o eixe prinicipal para a elaboración dos orzamentos no capítulo de inversións. Segundo o alcalde, Óscar García Patiño, o obxectivo é coñecer as demandas e propostas que teñen os veciños e veciñas para mellorar o seu benestar e o da súa comunidade. As propostas poderanse realizar ata o mes de outubro.

“O ano pasado moita xente axudounos coas súas propostas e de feito as máis demandadas puidemos integralas nos orzamentos”, aseverou o mandatario cambrés. Tamén é importante que a veciñanza distinga entre propostas de inversión e os arranxos ou queixas sobre servizos existentes. A intención é canalizar todas as propostas achegadas póla veciñanza con fin de orientar do mellor xeito posible as inversións nos devanditos orzamentos.

O alcalde lembra que para coñecer as propostas activáronse varias canles de comunicación coa veciñanza, as reunións coas asociacións de veciños de cada parroquia, desde a páxina web, onde  habilitouse un formulario no que os veciños poden encher coas súas achegas, ou a través dun formulario que o Concello enviou a cada domicilio de Cambre e que unha vez cuberto poderase introducir nos buzóns colocardos nos centros sociais de cada parroquia. No caso das persoas que non poidan desprazarse por mor dalgunha incapacidade ata o Concello ou ata o buzón da súa parroquia para deixar o formulario poderán deixar aviso no 981613128 e unha persoa do concello irá a recollelo.  Asemade o formulario poderase enviar ao correo electrónico decidamoloxuntos@cambre.org ou en calquera dos tres nos rexistros municipais.

 

Decidámolo xuntos