Cambre, 20 de setembro de 2018.     O Concello de Cambre contratará a 26 desempregados no próximo obradoiro de emprego. A concelleira de Desenvolvemento Socioeconómico, Leonor Fernández, así o fixo público esta mañá despois de que a Xunta de Galicia concedera ao concello de Cambre un novo taller dual de emprego denominado “Proxedis II Profesionais en Xerontoloxía e Discapacidade” que se desenvolverá durante nove meses co obxectivo de formar aos participantes e lograr a súa inserción laboral no sector dos servizos asistenciais. O proxecto desenvolverase en tres fases ao longo das cales os 20 participantes estarán contratados polo concello durante 9 meses. O obradoiro terá lugar a finais de outubro e os interesados de Cambre terán que estar inscritos nas oficinas de Emprego.

A primeira fase será de formación en alternancia coa práctica, a segunda fase será de traballo real en diversas institucións colaboradoras; Aspace, Aspronaga, Pai Menni, Real Institución Benéfico Social Pai Rubinos, Cáritas Interparroquial e Residencia García Irmáns e a terceira fase, o concello incentivará ás empresas para a contratación laboral dos traballadores/ as que superen e obteñan o certificado de profesionalidade que lles permitirá traballar na ocupación.

A duración total do proxecto será dun ano e terá un financiamento de 324.807 euros. Para a súa execución contratarase a un equipo multidisciplinar formado por 6 traballadores/ as: un/a director/a, un/a administrativo/a, dous docentes da rama sociosanitaria, un profesional da orientación laboral e un docente de educación secundaria. O concello de Cambre leva traballando nestes proxectos desde o ano 2012 con magníficos resultados de inserción laboral, neste último ano o índice de inserción fué do 90%.