Fíxose unha actualización das tarxetas expedidas polo Concello para evitar este tipo de casos, que supoñen un grave prexuízo para as persoas que realmente necesitan destes estacionamentos restrinxidos.

Cambre, 17 de abril de 2017. A Policía Local de Cambre detectou recentemente o uso irregular dunha tarxeta de estacionamento de reserva para persoas con mobilidade reducida, cartón cuxo titular falecera hai meses e que estaba a ser utilizada polos seus familiares. A concelleira de Seguridade Cidadá, María Vázquez, decidiu comezar una unha investigación e unha actualización das tarxetas expedidas polo Concello para evitar este tipo de casos que supoñen un grave prexuízo para as persoas que realmente necesitan destes estacionamentos.

Asegura que o traballo dos axentes locais permitiu actualizar a base de datos sobre este tipo de aparcadoiros polo que o control dos mesmos incrementarase nas próximas semanas para poñer fin a estas condutas “incívicas”. O axente encargado da investigación púxose en contacto co departamento con Servizos Sociais, que lle entregou o listaxe da base de datos, desde o ano 2000, cun total de 293 tarxetas expedidas.

Así mesmo, procedeuse ao estudo dos datos expedidos polo departamento de estatística que controla cada unha dos cartóns. O resultado da actualización destes datos desvelou que existían 55 titulares das acreditacións que faleceran, catro que non constan no padrón de habitantes e 23 persoas que xa non residen en Cambre e que se trasladaron a outros concellos.

O axente acudiu a cada un dos domicilios das 55 persoas falecidas coa intención de recuperar as tarxetas. En total, detectáronse 82 documentos irregulares, polo que actualmente están en vigor 211 cartóns expedidos polo departamento de Servizos Sociais. Nun informe recente sobre o estado das prazas de estacionamento destinadas a persoas de mobilidade reducida nas zonas urbanas, contabilizáronse un total de 56 prazas nas zonas urbanas; 10 na urbanización da Barcala, 13 en Cambre e 33 no Temple. O obxecto do informe foi analizar o estado, sinalización e conservación destas prazas para adaptalas á normativa de accesibilidade de Galicia e a supresión de barreiras, sinalizándoas co símbolo internacional de accesibilidade no pavimento.