Ademais tratáronse outros temas como a reparación de lousas no regato de San Pedro, o reforzo do talude do canal, a creación de tres zonas de recreo no Mero e a reparación da ponte de O Noceiro.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, mantivo onte, mércores 19 de xuño, unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, na que se trataron varios temas de elevado interese para o Concello. Patiño destacou a “boa disposición” da conselleira para colaborar en todas as actuacións que se propuxeron.

O convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Cambre, asinado en marzo de 2017, para o acondicionamento, mantemento e conservación da contorna do Río Mero finaliza o próximo 31 de decembro e onte ambas partes amosaron a súa clara intención de amplialo para o ano 2018 segundo as necesidades que nese momento necesite o Río Mero.

Outro dos puntos que se tratou na reunión foi a actuación en tres zonas de recreo na contorna do río Mero: un na zona da Ponte das Insuas, outro na Ponte do Noceiro e outro no Muíño de Peiraio. Augas de Galicia comunicou que nun prazo curto de tempo emitirase a autorización para actuar nas tres zonas.

Ademais, Augas de Galicia comprometeuse a redactar un proxecto construtivo de reforzo do talude de O Canal. Unha vez se vexa a súa afección emitirase unha valoración e manteranse reunións entre ADIF, Augas de Galicia e o Concello de Cambre para ver o grao de colaboración de cada administración.

O ente autonómico tamén se comprometeu a valorar inmediatamente a reparación da ponte de O Noceiro, ademais doutras pasarelas menores na senda do río Mero.

Por último, tratouse a problemática existente no Regato de San Pedro coa existencia de lousas deterioradas da canalización. Informouse de que durante o mes de maio realizáronse dúas catas na zona verde do lugar para localizalas e agora vaise a solicitar un orzamento para reparalas. Co orzamento en man, verase o modo de colaboración entre as administracións.