Cambre, 5 de setembro de 2017.  O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, o alcalde Sada, Benito Portela, e o delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña,  Ovidio Rodeiro Tato, os concelleiros de Emprego de Cambre e Sada, Leonor Fernández e Francisco Xosé Montouto, inauguraron hoxe o Obradorio de Emprego “Cambre-Sada PROXEDIS, PROfesionais en Xerontoloxía e Discapacidade”. O obradoiro está financiado pola  Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia fixo, cunha subvención de 279.959 euros, que permitirá ao longo de 9 meses a contratación de 26 persoas.

Os alcaldes agradeceron ás entidades ASPACE, ASPRONAGA, PAI MENNI, Residencia García Hermanos, Padre Rubinos, e Caritas que formalizaron os acordos de colaboración para poder poñer en marcha este proxecto. Estas entidades acollerán ás alumnas traballadoras para que adquiran  a experiencia no posto de traballo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, no que se formarán ao longo dos nove meses de duración.

García Patiño lembrou os datos de inserción laboral das edicións pasadas. “Os concellos de Cambre e de Sada, somos conscientes dos excelentes resultados que están dando estes proxectos, xa que facemos un seguimento constante ao longo dos anos posteriores que nos dan un coñecemento real da inserción profesional de todas as persoas que pasaron por eles. Na actualidade as promocións do 2012/13  e 2013/14 seguen cun 70% de inserción,e  2014/15 e 2015/16 cun 60% e a última promoción do ano 2016/17 chegou ao 80%, por isto debemos seguir nesta liña de traballo”.

O alcalde de Cambre resaltou a importancia da implicación e unión das administracións, autonómica, local e das entidades que hoxe nos acompañan no desenvolvemento de actuacións “como a que hoxe estamos a inaugurar, actuacións xeradoras de emprego e polo tanto de crecemento económico para os nosos territorios”.