Desde 2018, o programa contou con 73 participantes. Da cifra, 18 usuarios e usuarias conseguiron traballo e outros 32 retomaron os estudos.

O Concello encara unha nova edición do proxecto Prisma coa vista posta na inserción laboral e social de mozas de entre 16 e 25 anos que se atopan fóra do sistema educativo regrado. Ata a data, o programa cultivou grandes éxitos, promovendo a inserción laboral e social de medio centenar de persoas entre 2018 e 2021.

Da cifra total (73 participantes desde 2018), 18 usuarios e usuarias conseguiron un traballo. Ademais, outras 32 persoas retomaron os seus estudos de Educación Secundaria Obrigatoria para Adultos, competencias clave, ciclos formativos, graos medios, cursos de formación para persoas desempregadas, etc.

Para conseguir estes resultados e dar cumprimento aos obxectivos de Prisma, unha técnica de integración social con dedicación completa impartía aos mozos e mozas talleres sobre as seguintes temáticas:

  • Igualdade de xénero
  • Prevención e redución de riscos no consumo de drogas
  • Pautas para unha futura emancipación
  • Habilidades sociais, procura de emprego: creación de currículos, preparación de entrevistas, etc.

Ademais dos talleres, que tiñan lugar tres días á semana, os mozos participaban en múltiples saídas de lecer, como as organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil. Así mesmo, a técnica atendía, de forma personalizada, a cada participante realizando seguimentos e derivacións a outras entidades en caso de ser necesario.

O programa Prisma está cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa Operativo do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2020, e conta cun orzamento de 60.681,41 euros. O obxectivo temático é “Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social”.