Como explica o concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, “nestes momentos, é máis necesario que nunca promover medidas que favorezan a conciliación das familias durante a época estival”.
O Concello decidiu manter a oferta nesta convocatoria, adoptando todas as medidas hixiénico-sanitarias necesarias para evitar posibles contagios por COVID-19.
O prazo de inscrición do programa Mañanceiro estará aberto ata o 15 de xullo.

Cento quince. Esa é a cifra de solicitudes que o Concello de Cambre recibiu, nas últimas semanas, para os campamentos urbanos de verán. Con esta medida, o goberno local busca favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante a época estival. Na situación actual, o concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, considera “imprescindible seguir apostando e reforzando as políticas de conciliación para as familias de Cambre”. Proba deste compromiso é a recente incorporación da Escola de Educación Infantil de San Bartolomeu de Pravio ao programa Mañanceiro para o curso 2020/2021.

Os campamentos arrincarán o 13 de xullo e levaranse a cabo en catro quendas ata o 31 de agosto. A oferta mantívose con respecto a outras edicións aínda que, tal e como explica Gutiérrez, “adoptáronse todas as medidas hixiénico-sanitarias necesarias pola crise sanitaria provocada polo COVID-19”. A convocatoria deste ano supuxo “un maior esforzo por parte do Concello tanto de recursos materiais como humanos pero, agora mesmo, a seguridade dos participantes é a nosa máxima prioridade”, explica o responsable de Educación e Sanidade. Co fin de cumprir co cociente monitor/a-participante, os campamentos realizaranse en tres centros en lugar de en un –como se viña facendo en pasadas edicións-: o CEIP Plurilingüe Graxal, Casa da Cultura Vila Concepción e no CEIP Emilio González López. Os pequenos e pequenas de máis de 6 anos deberán levar, obrigatoriamente, máscara, mentres que, no caso dos nenos e nenas de 3 a 5 anos –para os que non é obrigatorio o emprego de máscaras-, será o propio Concello o que proporcione este material de protección.

Mañanceiro curso 2020-2021

O Concello aínda ten aberto o prazo para solicitar praza no Mañanceiro para o curso 2020/2021. Trátase dun programa de atención, vixilancia e xantar destinado aos escolares dos centros educativos do municipio.

Como novidade con respecto a outros anos, a convocatoria deste ano estará dirixida tamén aos alumnos e alumnas matriculados na Escola de Educación Infantil de San Bartolomeu de Pravio. O programa deste ano beneficiará aos seguintes centros de ensino: a E.E.I. San Bartolomeu de Pravio, e os CEIPS Wenceslao Fernández Flórez, Gonzalo Torrente Ballester, Emilio González López, O Graxal e o colexio Portofaro.

O formulario de solicitude está dispoñible na páxina web do Concello de Cambre. Leste deberá presentarse, preferiblemente, a través da sede electrónica do Concello de Cambre ou en calquera dos rexistros municipais. Para entregar a documentación deberá pedirse cita previa a través das seguintes vías:

  • No teléfono 981 61 31 28.
  • No correo cambre@cambre.org.
  • Enchendo o formulario de ‘Cita previa’ dispoñible na páxina web municipal.

O período de inscrición estará aberto entre o 15 de xuño e o 15 de xullo.