O Concello iniciou, no mes de decembro, unha nova edición do taller de emprego PROXEDIS- PROWEB (PROfesionais en XEriatría e DIScapacidade- PROfesionais WEB).
O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, reafirma o compromiso do goberno local por organizar iniciativas e programas que “promovan o emprego entre os veciños e veciñas do municipio”.

O Concello de Cambre reafirmou, unha vez máis, o seu compromiso coa creación de emprego entre os veciños e veciñas. Fíxoo a través da organización dunha nova edición do taller PROXEDIS- PROWEB (PROfesionais en XEriatría e DIScapacidade- PROfesionais WEB). O programa de emprego, no que están a participar 20 persoas, arrincou no mes de decembro de 2020 e prolongarase ata o mes de setembro.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, reafirma o compromiso do goberno por organizar iniciativas e programas que “promovan o emprego entre os veciños e veciñas do municipio”. Alcantarilla xustifica, ademais, a elección destas dúas especialidades indicando que “existe unha gran demanda no mercado laboral deste tipo de perfís”. Tanto é así, que ata a data, a inserción laboral media de todas as edicións destes talleres de emprego é do 90%.

En total, están a tomar parte no taller 20 persoas: dez na rama de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outras dez na de Confección e publicación de páxinas web.

Protocolo sanitario

As clases están a se realizar de forma presencial no Centro Municipal de Formación de Cambre. Co obxectivo de evitar o risco de contaxio pola covid-19, o Concello está a impartir este programa seguindo un estrito protocolo de seguridade.

As sesións formativas realízanse en aulas que garantan a distancia interpersoal entre o alumnado-participante e que permitan, ademais, unha ventilación constante. A maiores, e para evitar contacto entre os participantes de ambas as especialidades, axustáronse os horarios de ambos os grupos de maneira que non coincidan, por exemplo, nas horas de descanso.