O Concello acaba de iniciar as obras para acondicionar o acceso á urbanización A Barcala desde a DP-1706, que une o Temple con Cambre. En concreto, as actuacións servirán para mellorar a beirarrúa situada á altura do número 142, diante da urbanización, e para refacer a rotonda na que conflúen as rúas Río Mero e Río Valiña. Estas intervencións terán un custo de 36.755 euros e executaranse nun período máximo de tres meses.

As árbores plantadas na beira provocaran que a beirarrúa se levantase en varios puntos, dificultando o tránsito a persoas con mobilidade reducida. Co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade, o Concello demolerá parcialmente o carril de deceleración e repoñerase a beirarrúa. O plan pretende conservar a maioría de árbores, levantando a beirarrúa existente e creando unha franxa verde. Así mesmo, acometerase a demolición das escaleiras existentes para substituílas por unha rampla.

O Concello actuará tamén na rotonda da DP-1706 na que conflúen as rúas Río Mero e Río Valiña. O obxectivo é adaptala para facilitar o xiro de autobuses, camións e doutros vehículos de grandes dimensións.