A través desta campaña, os veciños e veciñas poderán facer chegar as súas propostas para confeccionar os próximos orzamentos municipais de Cambre.

 

O Concello de Cambre inicia hoxe, venres 13 de setembro, unha nova edición do programa municipal Decidámolo xuntos. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas do municipio poderán facer chegar as súas propostas para confeccionar os próximos orzamentos municipais de Cambre. Desde hoxe, as persoas interesadas poderán realizar as súas propostas telemáticamente –tanto a través de app móbil Decidámolo xuntos, como por medio do formulario habilitado na web municipal.

Con esta campaña, que se realiza por 4º ano consecutivo, o equipo de goberno busca implicar á cidadanía na elaboración dos orzamentos 2019. Así, tal e como explica o alcalde, Óscar García Patiño, “a idea é coñecer todas as demandas que teñen os nosos veciños e veciñas para mellorar, tanto o seu benestar como o da súa comunidade”.

Durante os meses de setembro, outubro e novembro levarán a cabo as distintas fases do proceso participativo para decidir que proposicións incluiranse no documento orzamentario do Concello de Cambre.

Deste xeito, os cambreses e cambresas poderán presentar todas as peticións que consideren –tanto as vinculadas a todo o concello como a parroquias, barrios ou comunidades veciñais concretas-. Posteriormente, o persoal técnico municipal avaliará todas as propostas, comprobando a viabilidade das mesmas e realizando, así mesmo, unha valoración económica do total de proposicións recibidas. Todas as que se consideren como viables e superen un mínimo de puntuación pasarán a ser votadas polos veciños e veciñas. Por último, aquelas que alcancen máis apoios serán incluídas nos próximos orzamentos municipais.

Fase de presentación de propostas

O Concello inicia hoxe a primeira fase, a de presentación de propostas. Así, os veciños e veciñas poden facer chegar xa as súas proposicións de maneira telemática. A partir do luns, 16 de setembro, e ata o próximo 6 de outubro, os cambreses e cambresas dispoñerán tamén doutras canles para enviar as súas peticións de investimentos e de competencia municipal.

Os veciños e veciñas que desexen tomar parte no proceso participativo terán varias opcións. Por unha banda, realizaranse encontros presenciais en cada unha das parroquias para coñecer as principais demandas. As persoas interesadas poderán facer chegar as súas propostas tamén por vía telemática. En concreto, desde hoxe está habilitado un formulario na páxina web municipal. Ademais, a través da app gratuíta Decidámolo xuntos, os veciños e veciñas poden presentar, tamén desde hoxe, as súas propostas.

Por último, enviarase unha carta e un formulario aos fogares que poderán ser entregados tanto nas caixas de correos do Decidámolo xuntos – habilitados nos locais sociais de cada parroquia-, nos tres rexistros municipais, ou no correo decidamoloxuntos@cambre.org.

Ademais dos encontros veciñais, realizaranse unha serie de eventos presenciais que servirán, tanto para informar á cidadanía sobre o proceso como para facilitar a súa participación no mesmo. Baixo esta premisa, colocarase un posto informativo na feira de Cambre do 2 de outubro no que a cidadanía poderá realizar as súas propostas, así como consultar calquera dúbida.

Nesta nova edición, o equipo de goberno busca a implicación da comunidade escolar, polo que se realizarán diversos encontros cos equipos directivos dos centros educativos de Educación Primaria e Secundaria para presentarlles o programa e impulsar actividades educativas relacionadas coa participación cidadá e democrática.