Cambre, 23 de  novembro de 2018. Hoxe tivo lugar a medio día o acto central de repulsa contra a violencia machista na  Casa do Concello coa lectura pública dun manifesto e cunha actuación de danza contemporánea. Máis dun centenar de persoas acudiron ao acto de repulsa contra a violencia machista e gardaron un minuto de silencio polas mulleres falecidas por esta lacra no que vai de ano.

Unha representante do movemento asociativo de Cambre leeu o manifesto contra a violencia:

Nos últimos tempos fomos avanzando na visibilización dalgunhas violencias machistas grazas ao traballo de mobilización e concienciación dos diferentes movementos de mulleres. Porén temos que seguir avanzando, tamén nas institucións, e non podemos caer na falsa imaxe de que porque sexa máis visible do que anos atrás ou haxa un marco legal máis amplo é suficiente. É preciso reparar e enfrontar todo tipo de violencias, desde a máis extrema que pon en perigo a saúde mental e física das mulleres ata outro tipo de violencias como a presión estética, a violencia obstétrica e tratos inadecuados no marco da sanidade ata a violencia económica que sofren as mulleres neste contexto de emerxencia social, por teren as peores taxas de desemprego e precariedade, padeceren a desigualdade salarial e ocuparen a maioría dos traballos non asalariados. Para todas estas cuestións, as institucións poden e deben axudar a responder e a paliar as súas consecuencias”

Durante o acto houbo un reparto de camisetas da campaña Cambre en Negro á veciñanza que se achegue ao acto.

Asemade, a compañía Exire presentou “Nexos”, obra de danza que desvela a complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas, a búsqueda incesante desa lembranza que as sostén no tempo. Percorrido por momentos que quedaron gravados no noso corpo e deixan ver a dous seres reais, imperfectos, peculiares, fermosos… Soltamos o peso da mirada dos outros e recoñecémonos para decidir amosar o que escollemos ser. Ao fin e ao cabo gozamos de ser unha mesma, a única persoa coa que se está obrigada a vivir”.

#CambreEnNegro
#EnNegroContraAsViolencias
#GaliciaEnNegro#ContraAsViolencias