Con respecto á última convocatoria do Concello, esta incorporará dúas importantes novidades: a ampliación da renda per cápita mínima para acceder a esta axuda e, polo outro, a realización de dous prazos en lugar dun.

O Concello celebrará o vindeiro xoves, 30 de xullo, unha sesión do pleno ordinario na que se presentarán as bases das axudas ao estudo. Con respecto á última convocatoria, o goberno local introducirá dúas importantes novidades cun claro obxectivo: buscar que esta prestación estea dispoñible para máis familias do municipio. O concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, considera estas axudas “fundamentais, sobre todo tendo en conta o importante impacto económico que o COVID-19 tivo entre os veciños e veciñas do municipio”.

Por unha banda, o goberno local exporá un cambio no baremo da renda per cápita co fin de facelo máis flexible. De aprobarse a proposta, poderían acceder a esta prestación as persoas pertencentes a unha unidade familiar cunha renda per cápita anual igual ou inferior a 10.000 euros. A maiores, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos: estar empadroados/as en Cambre e matriculados nun centro escolar público no curso académico para o que se pide a bolsa, convivir coa persoa demandante e presentar a solicitude en tempo e forma.

Doutra banda, mentres que outras convocatorias contaban cun único prazo de presentación de solicitudes, a deste ano terá dúas: o primeiro, do 17 de agosto ao 16 de setembro, para educación Infantil e Primaria; e o segundo, do 17 de setembro ao 2 de outubro, para Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de Adultos (ESA). O equipo de goberno expón este cambio tras comprobar que as familias do alumnado de etapas educativas como Bacharelato, FP e ESA non dispoñerán da información dos libros de texto e material escolar ata que estea iniciado o curso académico.

En total, o Concello destinará 18.000 euros á concesión destas axudas, que estarán dirixidas aos estudantes das seguintes etapas educativas:

  • 2º ciclo de Educación Infantil –libros de texto, material escolar e uniformes-.
  • Educación Primaria –uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización-.
  • Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de Adultos –libros de texto e material escolar-.