Son dous das iniciativas englobadas na nova campaña de conservación da flora e a fauna do Concello, que se realizará a través dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O Concello de Cambre celebrará, desde a próxima semana, unha serie de visitas guiadas polos espazos naturais do municipio así como xornadas formativas sobre especies invasoras. Trátase, unicamente, de dúas das propostas levarán a cabo como parte da nova campaña de conservación da flora e a fauna do Concello, e que se realizará a través dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de 20.000 euros. A parte de sensibilización e concienciación incluirá, ademais, a organización dun concurso de fotografía da fauna e a flora do municipio.

A concelleira de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero, destaca que con este tipo de actividades búscase “informar e concienciar á cidadanía sobre a problemática das especies invasoras, algo que conseguiremos cos cursos formativos e, ademais, poñer en valor as nosas contornas naturais a través dás visitas guiadas”.

Por unha banda, realizarase unha decena de visitas -cinco na presa de Cecebre e outras cinco na zona do paseo do río Mero- entre o 16 e o 26 de setembro. Cada unha das sesións terá dúas horas de duración e estará dirixida por un biólogo especializado en conservación da biodiversidade.

Polo outro, o Concello celebrará un programa formativo de tres xornadas. A primeira terá lugar na Casa do Concello o 18 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas, baixo o título “Introdución ás invasoras biolóxicas: da problemática do cambio global á situación en Galicia”. A seguinte será o 25 de setembro no Centro Sociocultural da Barcala de 10.00 a 14.00 horas. Neste caso, a formación versará sobre as especies de plantas invasoras presentes en Galicia. Por último, “Fauna invasora en Cambre. Estratexias globais de xestión de especies invasoras e implicacións no manexo cotián do territorio” será a xornada de peche, e levarase a cabo o 26 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas, na Casa do Concello.

A programación realizarase atendendo a un estrito protocolo de seguridade pola covid-19, e todas as propostas terán aforo limitado. As persoas interesadas poderán preinscribirse indicando o seu nome, DNI e a actividade na que queren participar a través do teléfono 698 177 121 (tamén dispoñible para envío de WhatsApps) ou do correo medioambiente@cambre.org.

Concurso de fotografía

Como parte da mesma campaña, o Concello organizará un concurso de fotografía da fauna e a flora do municipio. O prazo de presentación estará aberto desde o 15 ao 24 de setembro e a participación formalizarase a través do teléfono 698 177 121 e do correo medioambiente@cambre.org.

As persoas que desexen participar deberán enviar unha imaxe na que se mostre a riqueza natural do municipio, xa sexa dunha especie animal ou vexetal ou dunha paisaxe.

As fotos premiadas pasarán a formar parte dun calendario ambiental. Todas as persoas que tomen parte nesta iniciativa recibirán un diploma acreditativo e a súa obra expoñerase na páxina web do Concello.