Cambre promove a creatividade dos máis novos cunha nova edición do certame literario Xoán Díaz

20 Mar 2023

O Concello de Cambre busca promover a creatividade dos máis novos coa posta en marcha dunha nova edición do certame literario Xoán Díaz. O concurso estará dividido en tres categorías en función das idades das persoas participantes –que irán desde os 12 aos 26 anos- e contará con tres modalidades: poesía, narración breve e microteatro.

Cada persoa poderá presentar unha proposta en calquera das modalidades. Na de poesía deberán enviarse, como mínimo, tres poemas de tema e forma libres; na de narración breve a extensión será de cinco páxinas, a unha cara e con temática libre; na de microteatro a extensión será de entre cinco e dez páxinas, a unha soa cara e de temática libre.

Independentemente da modalidade, todas as obras deberán estar escritas con computador, en tamaño A4, cun interliñado simple e tamaño de letra 12. Así mesmo, deberán estar paxinadas e sen asinar. Os traballos terán que estar escritos en galego e deberán ser orixinais, inéditos e non ser premiados previamente.

Os traballos poderán enviarse por correo electrónico á dirección certamexoandiaz@cambre.org ata o 15 de abril (incluído). No asunto de o email deberá figurar o pseudónimo do autor, así como no corpo de texto, onde deberá aparecer, ademais, o título da obra e a categoría. No correo achegaranse tres arquivos de PDF: o primeiro levará a ficha de inscrición do participante, o segundo o DNI e, finalmente, no terceiro, o traballo –que terá que conter o pseudónimo e o título da obra-.

O fallo do xurado darase a coñecer o 19 de maio de 2023. O Concello outorgará os seguintes premios por categoría e modalidade:

  • Categoría A (de 12 a 14 anos)

– 1º premio: 173 euros

– 2º premio: 128 euros

  • Categoría B (de 15 a 18 anos)

– 1º premio: 218 euros

– 2º premio: 150 euros

  • Categoría C (de 19 a 26 anos)

– 1º premio: 300 euros

– 2º premio: 173 euros

Bases do Certame Literario Xoán Díaz

 

Tamén che pode interesar