O Concello de Cambre acaba de solicitar reunións cos responsables do Servizo de Atención Primaria e coa Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade para esixir un reforzo nos servizos dos centros médicos do municipio. En concreto, o concelleiro de Educación, Medio Ambiente, Mobilidade e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez Nieto, reclamou a Sanidade un aumento na dotación dos servizos de pediatría e fisioterapia no centro de saúde do Temple. O máximo responsable da área sinala, ademais, que pediu tamén a prestación dun servizo de radiodiagnosis.

O Concello realiza estas solicitudes despois de que o responsable de Sanidade mantivese diversos encontros con colectivos veciñais de Cambre. Durante estas reunións, os veciños e veciñas trasladáronlle ao concelleiro os déficits existentes nas instalacións sanitarias -tanto materiais como humanos-, e que están a provocar, entre outros problemas, que os pacientes teñan que asumir longas esperas nalgúns servizos.

Por unha banda, o servizo de fisioterapia realízase no centro de saúde do Temple de luns a venres, en horario de 8.00 a 15.00 horas. Polo outro, o horario de pediatría nesta instalación médica é de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Polas tardes, os pacientes teñen que acudir directamente ao PAC de Cambre.

Neste sentido, Miguel Ángel Gutiérrez Nieto incide na necesidade de “aumentar e mellorar os servizos prestados, fundamentalmente, en pediatría e fisioterapia, sobre todo pola cantidade de pacientes de ámbito comarcal que son atendidos nos centros de saúde de Cambre”. Así mesmo, o concelleiro considera imprescindible dispoñer dun servizo de radiodiagnóstico. Actualmente, esta prestación non está dispoñible en ningún dos ambulatorios de Cambre, o que obriga aos usuarios a desprazarse ata o CHUAC da Coruña.

Gutiérrez Nieto explica que Unión x Cambre e o PSOE levan facendo estas peticións desde a apertura do centro de saúde do Temple no 2016, pero que, ata a data, non recibiron ningunha solución: “cunha adecuada dotación, esta instalación sanitaria debería ser unha referencia na comarca”. Con todo, a inacción de la Xunta de Galicia ante estas problemáticas “agudizou o problema”, explica o edil.