Cambre, 6 de novembro de 2017. O Concello de Cambre dispón desde o pasado 3 de novembro do servizo de Orientación Laboral co  obxectivo de impulsar o emprego estable e de calidade grazas á axuda dunha profesional que prestará atención aos demandantes de emprego. A partir de agora os desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego non terán que desprazarse a outros concellos limítrofes tal como viñan facendo no último ano.

Cambre foi pioneiro neste servizo xa que en 1996 foi un dos poucos concellos que comezou a prestar este servizo. A contratación da orientadora laboral fíxose efectiva tras a concesión da subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A técnico elaborará diagnósticos do perfil e necesidades dos desempregados; proporcionaralles información sobre o mercado de traballo; deseñará itinerarios individuais e personalizados de emprego ou contactará coas empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas.

Segundo a concelleira de Emprego, Leonor Fernández, esta orientadora realizará accións para fomentar o emprego e autoemprego, “coa intención de mellorar as posibilidade de ocupación das persoas que demandan un posto de traballo”.

Así, esta iniciativa diríxese aos inscritos como demandantes no Servizo Público de Galicia, coa intención de configurar unha rede de asesoramento especializada.